Imprimir
Enviar
BASES QUE REXERÁN A SELECCIÓN DE DEPOSITOS A CURTO PRAZO NOS QUE RENTABILIZAR OS EXCEDENTES TEMPORAIS DE TESOURERÍA DO CONCELLO DE SADA
1ª. OBXECTO:
Dacordo co disposto no artigo 199.2 do Texto Refundido da lei reguladora das Facendas Locais (TRLRHL), aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, as entidades locais poden rentabilizar os seus excedentes temporais de tesourería mediante inversións que reúnan as condicións de liquidez e seguridade.
Neste senso entenderase que a inversión financeira é liquida se o activo no que se materializa pode facilmente transformarse en diñeiro en efectivo, e entenderase que é segura cando non se poida producir perda de valor sobre o importe inicial invertido.
Así, o Concello de Sada pretende rentabilizar un excedente temporal de tesourería de 1.289.785,75 euros, cumprindo coas condicións de liquidez e seguridade, mediante a concertación de depósitos cun prazo e cunha rentabilidade fixa coas entidades financeiras que operan no municipio, nas condicións que mais adiante se especifican.
2ª BASES DA CONTRATACIÓN:
O Concello elixirá libremente aquela proposta que sexa máis vantaxosa examinando conxuntamente as ofertas presentadas, que se axustarán en todo caso ó disposto nestas bases.
O Concello resérvase a potestade de deixar deserta a contratación de considerarse que as condicións ofertadas non son convenientes para o interese xeral.
3ª. IMPORTES, PRAZOS E CONDICIÓNS
- Depósito a 3 mes por importe de 1.289.785,75 €
- Depósito a 6 meses por importe de 1.089.785,75 €
- Depósito a 9 meses por importe de 889.785,75 €
- Depósito a 12 meses por importe de 689.785,75 €
As ofertas das entidades financeiras deberán expresar individualmente para cada un dos prazos sinalados a TAE correspondente.
Ademais as ofertas deberán recoller a posibilidade de cancelación anticipada total o parcial do depósito sen custe algún para o Concello.
Non se admitirán gastos nin comisións pola operación. Para tal fin abrirase unha conta bancaria habilitada específicamente para esta operación.
4ª.- FORMA DE SELECCIÓN.
Os depósitos das entidades financeiras seleccionaranse tendo en conta os principios de publicidade e concorrencia e, en todo caso, os de igualdade e non discriminación, seguindo os criterios que se determinan no apartado 7 das presentes bases. Para garantir os mencionados principios serán enviadas as presentes bases a todas as entidades financeiras que operan no municipio.
5ª. PRESENTACIÓN DE PROPOSICIÓNS.
As proposicións presentaranse no Rexistro municipal, en horario de 9.00 a 14.00 horas, en dous sobres pechados, firmadas polo oferente ou persoa que o represente, nos que se incluirá a documentación esixida na cláusula seguinte. O prazo de presentación de ofertas rematará ás 14 horas do décimo día desde o seguinte a recepción da solicitude de oferta.
6ª.- DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR POLAS ENTIDADES FINANCEIRAS.
Presentarase en sobre pechado e será a seguinte:
- SOBRE A: DOCUMENTACIÓN.
1. Certificación acreditativa da inscrición como entidade de crédito ou aforro no Rexistro Oficial do Banco de España.
2. Poder notarial no que se acredite a representación da persoa ou entidade en nome da que presenta a correspondente oferta, que deberá ser bastanteado polo servicio de Secretaria do Concello.
- SOBRE B: OFERTAS.
1. Oferta económica que incluirá todas as condicións particulares que se especifican nestas bases. Non se establece modelo concreto de presentación de proposicións, pero os licitadores deberán expresar tódolos datos esixidos, declaración de coñecer e aceptar as condicións estipuladas nas bases para a selección de depósitos a curto prazo; o seu C.I.F., nome e D.N.I. do seu representante; lugar, data e sinatura do licitador e detalle completo das oferta/s económicas debidamente autorizadas.
2. Tabla estimativa na que se calcule o importe total resultante de apricar os xuros xerados cos tipos ofertados.
7ª.- CRITERIOS DE SELECCIÓN.
Os criterios de selección da Entidade oferente virán definidos pola oferta na que as condicións económicas sexan máis favorables para o Concello de Sada, no senso de supoñer un maior beneficio para o Concello cun mellor tipo de xuro na operación. Elixirase a unha entidade financeira para os catro prazos, de tal maneira que a entidade financeira elixida será aquela que ofreza de maneira conxunta a maior rentabilidade posible, entendendo por esta, o calculo en euros dos intereses xerados polos 4 prazos.
8ª.- APERTURA DE OFERTAS.
Terá lugar na Casa do Concello de Sada, a Mesa de Contratación estará formada polo Concelleiro de facenda, a Tesoureira, a Interventora, un funcionario ou funcionaria de contratación que actuará como secretario/a, o Alcalde e máis o Secretario Xeral. A mesa de contratación estará presidida polo Alcalde ou Concelleiro en quen delegue.
A mesa fará unha valoración das ofertas presentadas, podéndose requirir ás entidades financeiras aclaracións de dúbidas e subsanación de deficiencias que se poidan presentar, para logo facer a proposta de adxudicación correspondente á Xunta de Goberno Local.
Sada, 24 de novembro de 2009
O alcalde,
Asdo.- Abel López Soto
Estado do trámite: Resolto