Sada vólcase coa campaña “En negro contra a violencia”.

15/11/2016

Sada vólcase  coa campaña “En negro contra a violencia”.

-Máis de medio centenar de empresas de todos os sectores do municipio participarán o venres na campaña “Sada en negro”.

-Isabel Reimundez, a concelleira nacionalista resposable de Benestar Social e Igualdade, sinala que “as empresas de Sada únense ante un problema que temos como sociedade, que non é outro que a violencia contra a muller”.


Sada, 31 outubro 2016.

O pasado ano o concello de Santiago impulsaba unha campaña para concienciar sobre a lacra das violencias machistas e que levaba por nome “Compostela en negro”. Este ano máis de quince concellos de toda Galicia únense á mesma conmemorando a declaración do 25 de novembro como o Día Internacional da Eliminacion da Violencia contra as Mulleres, desenvolvendo unha actividade dirixida a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres. Na última década, 42 mulleres foron asasinadas en Galicia e un total de 656 no conxunto do estado.

Desde a Concellaría de Benestar Social e Igualdade consideran que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade pondo de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Para iso a concelleira animaba hai uns días ao tecido empresarial a implicarse na campaña "Sada en negro". 

A día de hoxe 52 empresas de Sada, de todos os sectores xa confirmaron a súa presenza “en negro” o venres 18 de decembro, “día no que propoñemos, sinala Reimundez, vestir de loito a nosa vila, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte”. 

“O protagonismo das rúas de Sada, sinala   concelleira, correspóndelle  aos comercios, son o gran escaparate que pode transmitir á cidadania a mensaxe de denuncia e solidariedade: Queremos Sada libre de violencia". 

Por ise motivo desde a concellería de Benestar se entregarán camisetas, cartelería, e distintivos a cada local comercial participante así como manteis e mandilóns aos locais de hostelería para “vestir ás empresas de Sada de negro”.

“Quero destacar a gran participación das empresas de Sada e a súa implicación. Moitos dos comercios van deseñar escaparates con máis medios dos que nos lles facilitamos para que toda a xente poida ver esta campaña de sensibilización” indicou Reimundez

A campaña desenvolverase conxuntamente con outras vilas e cidades galegas co obxectivo de pór sobre as axendas, coa maior contundencia posible e dunha vez por todas, a violencia machista como un problema público, de todas e de todos.

Arquivado en:
Novas. Benestar social e igualdade.

Temas:
Benestar Social. Economía. Turismo. Cultura. Participación cidadá.

Perfís:
Xuventude. Maiores.

AXENDA