Sada solicita entrevista coa nova Ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.

07/06/2018

Sada solicita entrevista coa nova Ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.

-Benito Portela enviou hoxe unha carta á recén nomeada ministra encargada das áreas de Enerxía, Auga, Medio Ambiente e Cambio Climático, para establecer o antes posible unha folla de ruta para a actuación medioambiental da Praia de Sada.


Sada 7 xuño 2018.

O alcalde de Sada, Benito Portela, enviou esta mañá unha carta á recentemente nomeada ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, onde lle solicita unha entrevista para explicarlle as dificultades que ata o momento tivo a actuación ambiental da Praia de Sada e poder pór en marcha unha folla de ruta que termine cunha actuación ambiental de rexeneración do areal do municipio.

Teresa Ribera tomou posesión esta mañá do seu cargo que inclúe as  áreas de Enerxía, Auga, Medio Ambiente e Cambio Climático, onde se engloba a Dirección Xeral da Costa e do Mar que co goberno anterior licitou a Actuación ambiental na ría do Pedrido Fase I Praia de Sada, e que posteriormente desestimou sen que acompañasen á devandita desestimación compromisos firmes e prazos asociados á licitación dun novo proxecto de mellora ambiental, que incorporase as medidas de axuste dos obxectivos da actuación á salvaguardia e cautela dos valores ambientais do litoral e da praia de Sada.

Portela solicita agora á nova ministra de Medio Ambiente do goberno de Pedro Sánchez unha entrevista para poder explicar a historia dunha actuación ambiental que acumula máis de 10 anos de atraso e establecer unha nova folla de ruta que concrete prazos, orzamento e traballos para que unha praia de Sada ambientalmente sustentable poida ser unha realidade o máis axiña posible, e non se vexan frustradas de novo as demandas lexítimas da cidadanía sadense.

Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Administración local, obras e servizos. Urbanismo e emprego. Sada.

Temas:
Economía. Turismo. Urbanismo. Mobilidade. Medio ambente.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.