Sada renovará o acceso ao barrio de Fontán respetando a actual estética

20/12/2017

Sada renovará o acceso ao barrio de Fontán respetando a actual estética

O Concello executará o proxecto tras aprobalo onte entre os incluídos no Plan de Obras da Deputación.


Sada, 20 de decembro 2017.

O goberno municipal de Sada, desde o departamento de Orbas e Servizos, vén comprobando que o estado das escaleiras que conectan o porto co barrio sadense de Fontán, a zona que conserva o espírito e estética mariñeira da vila, require unha renovación e mellora polo que optou por incluír a súa renovación dentro dos proxectos que cofinancia a Deputación coruñesa e que onte foron aprobados nun pleno extraordinario.

Melloras

A proposta municipal, que é manter as escaleiras de madeira, recolle a mellora da accesibilidade a Fontán e a reparación da escaleira da avenida do Porto. A obra prevese executar en tres meses e órzase en 64.642 euros para acondicionar un espazo que se recoñece que "é moi utilizado polos veciños do núcleo de Fontán e polos visitantes que se achegan atraídos polo encanto da contorna, as súas vistas panorámicas o roteiro Mariñán Costa Doce, e o castelo de Fontán".

No proxecto da obra recóllese que a consolidación do noiro, co que se salva a altura entre a zona portuaria e Fontán, realizouse fai máis de dez anos e como os usuarios son na súa maioría veciños, algúns de avanzada idade, considérase necesario mellorar o trazado, así como a altura dos banzos, aproveitando estes traballos para eliminar desniveis e tamén redirixindo augas pluviais cara a novos sumidoiros.

Desde o departamento de Obras e Servizos recoñécese que esta escalinata serve para promocionar o Concello entre os turistas, debido ás vistas que se poden ver desde a contorna e por iso considérase necesario mellorar a iluminación para facilitar o paso e reducir a contaminación lumínica, polo que se cambiarán as luces nas escaleiras e iluminarase tamén baixo os pasamanos da varanda. O proxecto tamén inclúe obras de xardinaría, coa roza da vexetación existente, así como o rastrillado da superficie do terreo e plantación dun tapiz vexetal.


Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Administración local, obras e servizos. Urbanismo e emprego. Sada.

Temas:
Subvencións e axudas. Urbanismo. Mobilidade. Participación cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA