Sada publica as bases reguladoras do programa de vivendas baleiras

18/04/2017

Sada publica as bases reguladoras do programa de vivendas baleiras

- O goberno de Sada asinou o pasado ano este programa enfocado na axuda a persoas e familias en risco de exclusión social.

-Terán prioridade no acceso ao programa de vivendas baleiras as unidades familiares nas que foran privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como inundacións.

Bases Reguladoras Programa Vivendas Baleiras


Sada, 18 abril 2017.

O Concello de Sada asinou o pasado mes de maio, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias, o convenio de colaboración co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para o desenvolvemento do programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan Galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

O obxecto das bases do programa, que onte se publicaban no Boletín Oficial da Provincia, é a regulación dos aspectos materiais, persoais, formais e procedimentais do Programa de Vivendas Baleiras do Concello de Sada implantado no mesmo en virtude de Decreto 359/17, de 27 de febreiro de 2017 e que se desenvolverá de conformidade co acordo de adhesión ao Convenio de colaboración entre o IGVS e a FEGAMP.

Con este acordo procúrase pór inmobles desocupados do municipio a disposición de persoas e familias en risco de exclusión social e de xeito prioritario, ás afectadas por procedementos de execucións hipotecarias ou por desafiuzamentos por impago da renda de alugueiro da súa vivenda habitual.

As vivendas que se inclúan no programa deberán reunir unha serie de características como ter a consideración de vivenda libre ou non estar sometida a ningunha limitación para arrendalas así coma reunir as condicións esenciais de habitabilidade e idoneidade para o seu arrendamento ou estar de alta nos subministros básicos de auga, lixo, gas e /ou electricidade.

As vivendas poderanse arrendar con ou sen mobles, pero, en calquera caso, deberán contar con instalación de auga quente, con cociña equipada con mobiliario e electrodomésticos básicos, entendéndose por tales cociña con forno incorporado e lavadora.  

O prezo da renda do aluguer das vivendas incorporadas ao Programa de Vivendas Baleiras non poderá ser superior á 300 €.

Requisitos das persoas demandantes de vivenda do programa.

As unidades familiares ou de convivencia deberán ter uns ingresos entre 1 e 2,5 veces o IPREM aínda que excepcionalmente poderá exceptuarse do cumprimento de acreditar o límite mínimo de ingresos cando se trate de situacións de emerxencia social, en todo caso deberase acreditar no expediente de adxudicación a percepción duns ingresos económicos mínimos ou de axudas, públicas ou privadas, que lles permitan facer fronte ás obrigas económicas que deriven do contrato de arrendamento.

As persoas solicitantes deberán atoparse nunha situación persoal ou familiar que supoña unha dificultade para acceder a unha vivenda de alugueiro no mesmo municipio; non ter parentesco por vínculo de matrimonio ou outra relación estable análoga, por consanguinidade ou adopción, ata segundo grado, coas persoas arrendadoras; deberá quedar acreditado o grao de integración social.

Terán a condición de colectivos prioritarios as unidades familiares ou de convivencia afectadas por procedementos de execución hipotecaria, sen necesidade de que exista unha resolución xudicial de finalización do citado procedemento xudicial como tamén as unidades familiares afectadas por un procedemento xudicial de desafiuzamento por impago de rendas da súa vivenda habitual.

Outros colectivos prioritarios son as unidades familiares que convivan con fillos menores así como familias numerosas e familias monoparentais con fillos a cargo; as unidades familiares ou de convivencia nos que existan mulleres vítimas de violencia de xénero. Do mesmo xeito terán prioridade as unidades familiares nas que existan persoas maiores de 65 anos ou persoas dependentes ou con discapacidade recoñecida igual ou superior ó 33 %; as unidades familiares ou de convivencia nas que existan persoas que foran beneficiarias de axudas ao aluguer no marco de programas xestionados polo IGVS e as familias con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que foran privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios ou inundacións.

Estas vivendas adxudicaranse a persoas vulnerables de xeito compatible con outras axudas públicas. A Xunta de Galicia achegará todas as garantías necesarias para esas vivendas mediante un seguro multirrisco do fogar e un seguro de garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas que inclúe asistencia e defensa xurídica.  O alcalde de Sada, Benito Portela, sinala que grazas a este programa “Sada dótase de máis recursos para protexer o dereito constitucional de todos os cidadáns a unha vivenda.”

Arquivado en:
Carnoedo. Alcaldía. Novas. Meirás. Mondego. Administración local, obras e servizos. Benestar social e igualdade. Mosteirón. Urbanismo e emprego. Osedo. Sada. Soñeiro. Veigue.

Temas:
Benestar Social. Subvencións e axudas. Urbanismo. Vivenda.

Perfís:
Veciños. Maiores.

AXENDA