Sada promociona “Fala, buguina!” o vídeo de apoio á lingua galega protagonizado polos clubes deportivos do municipio

16/05/2017

Sada promociona “Fala, buguina!” o vídeo de apoio á lingua galega protagonizado polos clubes deportivos do municipio

- Vídeo Fala Buguina

-O proxecto realizado polas áreas de Normalización Lingüística e Deportes foi gravado polo sadense Marcos Cenamor e presentarase nas redes sociais do Concello de Sada con motivo do Día das Letras Galegas 2017.

- A concellería de Cultura programa o mércores o pictograma “Carlos Casares” e o sábado o concerto “Camiños do Fin do Mundo”, a cargo da Banda de Música Municipal, para conmemorar o Día das Letras Galegas

Sada 16 maio 2017.

Con motivo do Día das Letras Galegas 2017, adicado ao ourensán Carlos Casares, os departamentos de Normalización Lingüística e Deportes do Concello de Sada presentan un vídeo de apoio á lingua galega realizado nas pasadas semanas polo sadense Marcos Cenamor e protagonizado polos compoñentes dos distintos clubes deportivos locais.

“O agradecemento a todos os clubes deportivos de Sada para esta acción en defensa da lingua galega é inmenso”, sinala a concelleira de Deportes, Zeltia García quen contactou hai un mes con todos os clubs deportivos do municipio para proporlles a realización dun vídeo para reivindicar unha maior protección e uso do idioma propio de Galicia.

Pola súa banda o alcalde de Sada e responsable da área de Normalización Lingüística, Benito Portela sinalaba na presentación do vídeo que "necesitamos promover a nosa lingua, que nos une a todos” e engadiu que “se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”.

O vídeo, que pode contemplarse nas redes sociais e na web do concello (sada.gal), mostra o percorrido dunha buguina, atopada na ría sadense, polas mans dos distintos deportistas sadenses para rematar soando nas Cerámicas do Castro.

"Necesitamos o galego para ser e existir” finalizou Portela “e non renunciar ao idioma porque temos que estar orgullosos de quen somos".

Día das Letras Galegas  2017 en Sada

O Concello de Sada ademáis do vídeo de promoción da lingua galega realiza diversas actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas 2017.

O mércores 17 de maio a concellería de Cultura, xestionada pola socialista María Pardo, programa dentro do programa “Ler conta moito” o pictograma “Carlos Casares” na Biblioteca Municipal Suárez Picallo ás 12:00 horas con entrada libre. Esta actividade para nenos e nenas de 5 a 12 anos é unha proposta diferente, dirixida os pequenos da casa para celebrar o Día das Letras Galegas.

O mesmo día a área de Normalización Lingüística programa o espectáculo das letras, “Menú da Noite”, protagonizado polo actor arousán Carlos Blanco e o ilustrador  pontevedrés Luis Davila. O espectáculo programase para ás 20:00 horas no auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns 

Finalmente o sábado 20 de maio no auditorio da Casa da Cultura de Sada ás 20:00 horas terá lugar o Concerto “Camiños da fin da terra" a cargo da Banda de Música Municipal de Sada e organizado pola concellería de Cultura.

 

Arquivado en:
Carnoedo. Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Osedo. Sada. Deportes. Veigue.

Temas:
Formación. Cultura. Deporte. Participación cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA