Sada integra a adaptación ao cambio climático na xestión e planificación do municipio

14/11/2016

Sada integra a adaptación ao cambio climático na xestión e planificación do municipio

-O alcance das inundacións no pasado mes de marzo xerou elevadas perdas económicas aos comerciantes e a poboación residente, polo que desde o goberno local é prioritario analizar a viabilidade de actuacións estratéxicas que reduzan este risco e levalas á práctica canto antes.“Resulta estratéxico, sinalou o alcalde Benito Portela, realizar unha selección de medidas para propiciar o desenvolvemento da política municipal planificada tendo en conta a necesidade de adaptación da ordenación do territorio e deseño de infraestruturas aos cambios climatolóxicos acaecidos nas últimas décadas".

-A asistencia técnica para a elaboración da estratexia de sustentabilidade ambiental será realizada con un 50 % da inversión con fondos propios (3.200 euros) e outro 50 % da inversión: Conselleria de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (3.200 euros) a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

- Decreto contratación asistencia técnica estratexia sustentabilidade ambiental. 

Sada 12 novembro.

O cambio climático causado polo incremento de emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas ás actividades humanas é inequívoco. Os modelos climáticos, tanto os globais como os de escala rexional, prevén un aumento nas temperaturas e unha maior frecuencia e intensidade de fenómenos climáticos extremos. Neste contexto adquiren especial importancias as intervencións de adaptación ao cambio climático a escala local, xa que estas últimas recaen directamente sobre o territorio e incrementan a capacidade de resistencia dos municipios aos impactos negativos xerados polas variacións climatolóxicas como poden ser períodos prolongados de seca ou máis episodios de choiva torrencial no inverno, con potencial para provocar máis inundacións e danos asociados en infraestruturas.

Exemplo próximo foron as intensas choivas que a finais do mes de marzo ocasionaron inundacións e problemas en numerosas estradas e poboacións galegas, sendo especialmente grave a situación xerada no municipio de Sada, motivando a solicitude de declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil e a solicitude por parte do goberno local a Augas de Galicia para a colaboración no desenvolvemento de actuacións urxentes para que non se volva a producir unha catástrofe semellante.

Ante tales circunstancias o Goberno Local de Sada considera moi conveniente e importante elaborar unha estratexia de sustentabilidade ambiental para incluír os riscos climatolóxicos no deseño e posta en marcha de políticas de desenvolvemento socioeconómico, para fomentar a equidade, diminuír a presión sobre os recursos naturais e promover modelos de xestión sustentables e a realización dunha análise en detalle das alternativas estratéxicas para incrementar a capacidade de resposta e previr situacións adversas no municipio.

O alcance das inundacións nas Brañas e na zona da Lagoa xerou elevadas perdas económicas aos comerciantes e a poboación residente, polo que é prioritario analizar a viabilidade de actuacións estratéxicas que reduzan este risco e levalas á práctica canto antes.

O goberno local considera necesario dispoñer dun documento marco como ferramenta de planificación municipal que aborde a loita contra o cambio climático de forma integrada e transversal, baseándose nun proceso participativo que asegure a implicación da cidadanía no seu desenvolvemento e sexa reflexo dun compromiso político firme.

Co desenvolvemento da estratexia o concello de Sada persegue a identificación dos impactos máis probables asociados al cambio climático: Inundacións fluviais, con risco de danos estruturais, inundacións debidas ás precipitacións torrencial e falta de capacidade de drenaxe en sumidoiros e desaugadoiros, risco de danos estructurais, de anegación de terreos e de maior erosión

Asemade a identificación das prioridades do municipio a través dos diferentes plans aprobados para interrelación entre efectos potenciais atribuíbles ao cambio climático (riscos sobre a saúde, Impactos sobre a biodiversidade, aumento das inundacións fluviais, danos aos edificios e infraestruturas, retroceso da liñas de costa...) e os ámbitos de actuación (protexer e recuperar a contorna natural, promover o aforro e a eficiencia enerxética, potenciar os paraxes naturais como recurso turístico, protexer a saúde, realizar unha xestión eficiente do ciclo da auga..)

Como resultado obteranse as liñas estratéxicas, os plans de actuacións e as accións que se definan as iniciativas e proxectos concretos a realizar, o suficientemente detalladas co fin de garantir a máxima operatividade no desenvolvemento do plan. Dadas as circunstancias expostas ata o momento prestarase especial atención á planificación territorial, biodiversidade, medio natural, zonas verdes e parques e o ciclo da auga.

Para asegurar o cumprimento destes obxectivos dentro dos traballos de diagnóstico inicial exponse realizar un estudo integrado de identificación, valorización, cuantificación dos posibles riscos e afeccións hidráulicas na contorna que se puidesen producir ante novos eventos climatolóxicos que variasen as condicións hidrolóxicas do sistema.

Contémplanse dúas fases de diagnóstico. Na primeira realizarase un Estudo hidrolóxico. A variación de determinados parámetros ocasiona que os balances hidrolóxicos na zona obxecto de estudo, ou en subcuencas próximas, queden descompensados. A segunda fase consistirá nun estudo hidráulico. Unha vez, avaliado o caudal para os períodos de retorno definidos estudarase a canle dos ríos e simular a avenida correspondente mediante modelos hidráulicos dixitais que teñen en conta a topografía do terreo.

Considérase clave incluír a comunicación e a participación dos diferentes axentes sociais e económicos do municipio para a posta en marcha do proceso, o recoñecemento das prioridades de actuación en función das vulnerabilidades crave identificadas, o apoio das accións que integrarán o Programa e a avaliación e seguimento anual do Programa

A asistencia técnica para a elaboración da estratexia de sustentabilidade ambiental será realizada con un 50 % da inversión con fondos propios (3.200 euros) e outro 50 % da inversión: Conselleria de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (3.200 euros) a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

 “Resulta estratéxico, sinalou o alcalde Benito Portela, realizar unha selección de medidas para propiciar o desenvolvemento da política municipal planificada tendo en conta a necesidade de adaptación da ordenación do territorio e deseño de infraestruturas aos cambios climatolóxicos acaecidos nas últimas décadas”.

Neste sentido o concello de Sada e Emalcsa ven de reunirse durante nas últimas semanas no marco do acordo de colaboración, segundo o cal a empresa coruñesa asesora ao consistorio sadense en materia de xestión da auga urbana.

Nas xuntanzas realizadas ate o momento representantes do Grupo de Enxeñería da Auga e Medio Ambiente da Universidade da Coruña presentaron os resultados preliminares da modelización das Brañas e o Río Maior aos técnicos do concello e ao alcalde de Sada. Geama está a rematar o estudo de causas e solucións que presentará nos próximos días tanto ao Concello de Sada coma nunha reunión coa cidadanía achegando as solucións adecuadas para que non se volvan a producir inundacións como as pasadas. 


Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Administración local, obras e servizos. Urbanismo e emprego.

Temas:
Subvencións e axudas. Urbanismo. Medio ambente. Participación cidadá. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA