Sada insta á Xunta de Galicia a que inscriba no Rexistro da Propiedade a declaración de BIC do Pazo de Meirás

24/05/2017

Sada insta á Xunta de Galicia a que inscriba no Rexistro da Propiedade a declaración de BIC  do Pazo de Meirás

-“Unha vez máis, sinala o concelleiro de Urbanismo Francisco Montouto, demostrase o desleixe da Xunta de Galicia no referente ao Pazo de Meirás e aos asuntos da Familia Franco, privilexiando aos donos en detrimento da defensa dun ben declarado de interese cultural e para o cal non se observa que se cumpra de igual modo a vontade política e legal en comparación con outros monumentos, sitios ou conxuntos declarados BIC”.


 

Sada 24 maio 2017.

O Goberno Municipal de Sada, a través da concellería de Urbanismo, solicita á Xunta de Galicia que inscriba no Rexistro da Propiedade a declaración de Ben de Interese Cultural do Pazo de Meirás.

Segundo se puido comprobar coa certificación rexistral solicitada polo concelleiro de Urbanismo, Francisco Montouto, a declaración BIC do Pazo de Meirás non consta anotada no Rexistro da Propiedade.

Ante esta situación Montouto remitiu hoxe á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria un escrito polo que o Concello de Sada insta á Consellería, como órgano competente en materia de patrimonio cultural, a que “de inmediato proceda á inscrición gratuíta da declaración BIC do Pazo de Meirás no Rexistro da Propiedade tal e como establece a normativa legal vixente en materia de patrimonio, Lei 5/2016 de Patrimonio de Galicia”.

O Concello de Sada non entende que a Xunta de Galicia non cumpra coa normativa legal vixente e non anote a declaración BIC do Pazo de Meirás no Rexistro da Propiedade.

“Unha vez máis, sinala Montouto, demostrase o desleixe da Xunta de Galicia no referente ao Pazo de Meirás e aos asuntos da Familia Franco, privilexiando aos donos en detrimento da defensa dun ben declarado de interese cultural e para o cal non se observa que se cumpra de igual modo a vontade política e legal en comparación con outros monumentos, sitios ou conxuntos declarados BIC”.

 

Arquivado en:
Novas. Urbanismo e emprego.

Temas:
Urbanismo.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA