Sada firma un convenio para o uso do pavillón polideportivo do instituto Isaac Díaz Pardo

24/04/2017

Sada firma un convenio para o uso do pavillón polideportivo do instituto Isaac Díaz Pardo

O concello responsabilízase a partir de agora do conxunto de actividades, fora do uso docente, que se leven a cabo nas instalacións do pavillón polideportivo do centro como tenis así como os adestramentos do Club Atletismo Sada e do club Sada Patín, estando aberto a posibles novos usos deportivos a partir deste momento.


Sada, 24 abril 2017.

O alcalde de Sada, Benito Portela, e a directora do centro educativo Isaac Díaz Pardo, María Sol  Doval  Casal, asinaron esta mañá o acordo que ten por obxecto o desenvolvemento do convenio marco de colaboración entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (CCEOU) sobre o uso, polos concellos galegos, de instalacións deportivas de titularidade da Consellería.

O concello responsabilízase a partir de agora do conxunto de actividades, fora do uso docente, que se leven a cabo nas instalacións do pavillón polideportivo do centro como tenis así como os adestramentos do Club Atletismo Sada e do club Sada Patín, estando aberta a posibles novos usos deportivos a partir deste momento.

O concello de Sada achega ademáis unha póliza de seguros de responsabilidade civil con cobertura suficiente para o conxunto de actividades citadas anteriormente.

Froito da colaboración entre as institucións o concello de Sada aboará a parte proporcional dos gastos, aplicando unha porcentaxe de participación que se calcula no 6,04%, en concepto de custos extraordinarios de mantemento que ascende a 102,79€ ao mes, regularizando esa cantidade en agosto de 2017 (periodo setembro-agosto).

O concello se obriga á limpeza das instalacións despois de cada uso, de xeito que queden en condicións de ser utilizadas inmediatamente e designará dous responsables para o control do bo uso das instalacións deportivas do centro durante a vixencia do convenio

A sinatura do presente convenio non suporá, en ningún caso, a obriga da Consellería de realizar ningún tipo de intervención de ampliación, reforma, adaptación, reparación ou de calquera outro tipo nas instalacións obxecto desta colaboración, reservándose ademáis a Consellería o dereito de preferencia sobre o uso das instalación cando estas coincidan ou poidan obstaculizar o desenvolvemento de actividades escolares ou extraescolares.

O convenio de colaboración para o uso do pavillón polideportivo do instituto Isaac Díaz Pardo terá vixencia anual, entendéndose automaticamente prorrogado por un ano mais ou tempo que reste de vixencia do convenio marco, sempre que non medie denuncia por ningunha das partes, e dentro do límite de catro anos de vixencia do convenio.

Cuarto convenio de colaboración para o disfrute de instalacións por parte dos veciños de Sada.

Con este convenio, o concello de Sada suma outra colaboración institucional con distintos organismos para uso de instalacións, que ata o momento estaban baleiras o non utilizadas, por parte dos veciños e veciñas de Sada.

En materia deportiva o alcalde asinou un convenio coas Cerámicas do Castro polo que os veciños e veciñas de Sada gozaron os meses de xullo e de agosto do pasado verán do uso da Pía do Loureiro, a piscina das Cerámicas. Este ano a concellería de Deportes, xestionada por Zeltía García, volverá a conveniar coas Cerámicas o uso da piscina, na que xa se están a facer arreglos nos vestiarios, e ampliará a oferta de actividades complementarias.

Tamén en materia deportiva o alcalde de Sada e a concelleira de deportes reuníronse coa directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez, para solicitar o pavillón de deportes do Albergue Xuvenil da Mariña Española para uso e goce dos veciños de Sada. O concello de Sada ofreceu a súa colaboración realizando os traballos de mantemento das zonas axardinadas do Albergue Xuvenil así como a realización dunha poliza de responsabilidade civil para cubrir os posibles danos que poideran producirse co desenrollo das actividades deportivas que se están a levar desde hai uns meses polo club Sada Fútsal e outras actividades deportivas que ali se levan a cabo. O convenio do pavillón do Albergue Xuvenil da Mariña establece o uso de setembro a maio, momento no que a consellería de Xuventude dispón do mesmo para os campamentos de verán.

Portela asinou ademáis o pasado mes de maio, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias, o convenio de colaboración co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para o desenvolvemento do programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan Galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

O obxecto das bases do programa, que a pasada semana publicouse no Boletín Oficial da Provincia, é a regulación dos aspectos materiais, persoais, formais e procedimentais do Programa de Vivendas Baleiras do Concello de Sada. Con este acordo procúrase pór inmobles desocupados do municipio a disposición de persoas e familias en risco de exclusión social e de xeito prioritario, ás afectadas por procedementos de execucións hipotecarias ou por desafiuzamentos por impago da renda de alugueiro da súa vivenda habitual.

Arquivado en:
Carnoedo. Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Meirás. Mondego. Mosteirón. Osedo. Sada. Soñeiro. Deportes. Veigue.

Temas:
Subvencións e axudas. Formación. Deporte. Participación cidadá.

Perfís:
Veciños.

AXENDA