Sada coloca no Paseo Marítimo as mans de Neira Vilas coincidindo co Día do Libro

25/04/2016

Sada coloca no Paseo Marítimo as mans de Neira Vilas coincidindo co Día do Libro

- O Concello de Sada colocou no Paseo da Fama as mans do escritor galego,  coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro.

- “Entendemos que o compromiso adquirido merecía un día singular para a súa colocación” sinalan desde o goberno local.

Sada 25 abril 2016

As mans que o narrador, ensaísta, xornalista e poeta galego, Xosé Neira Vilas, deixou plasmadas en Sada en abril de 2015 foron colocadas no Paseo da Fama coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro.

“Tiñamos un compromiso adquirido para colocar as mans de tan insigne escritor galego no Paseo Marítimo polo que entendíamos que debería ser un día especial, relacionado coa literatura, o elixido para realizar o devandito acto”.

Ao acto programado para a colocación das mans do autor de “Memorias dun neno labrego” asistiu Francisco Pita, en representación da Asociación Cultural Suárez Picallo; Luís Reimondez, en representación da Fundación Xosé Neiras Vilas; familiares do escritor e representantes municipais.

"Dende hoxe, sinalou o concelleiro de Cultura Marcos Villar, as pegadas de Xosé reposan xunto as de Isaac Díaz pardo, sen dúbida dous ilustres. Como diría Balbino: Issac e Xosé dous rapaces da aldea, como quen dis, un ninguén".

Vinculación de Neira Vilas con Sada

Xosé Neira Vilas presentou en maio de 2008 na Casa da Cultura de Sada o libro A Feira do Mundo, escolma de crónicas de Ramón Suárez Picallo, editado polo Consello da Cultura Galega e articulado pola historiadora chilena Carmen Norambuena e polo profesor e investigador chileno Edmundo Moure. A presentación reuniu en Sada a tres grandes personaxes da cultura galega, Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo e Xosé Neira Vilas. 

O escritor Xosé Neira Vilas tamén inaugurou no Instituto de Sada no mes de novembro de 2012 a exposición “Querido Balbino” unha mostra organizada pola Xunta para conmemorar os 50 anos da publicación da óbra “Memorias dun neno labrego”. A mostra incluía fotografías, debuxos e pinturas sobre a obra, moitos deles de Isaac Díaz Pardo, fillo adoptivo de Sada e amigo de Xosé Neira Vilas, que foi precisamente o encargado de ilustrar a primeira edición da obra. No acto participaron varios alumnos do instituto de Sada que fixeron unha lectura do libro. 

No mes de abril do ano 2015, Xosé Neira Vilas presentou en Sada o seu libro "Isaac Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade". Durante o emotivo acto, o autor recibiu o I Premio Ramón Suárez Picallo, concedido pola A.C. Irmáns Suárez Picallo, cuxo galardón foi deseñado polo artista Xosé Val Díaz, presente tamén no evento. O mesmo día da presentación do libro Neira Vilas deixou as súas mans grabadas que xa lucen no Paseo Marítimo xunto as do seu amigo Isaac Díaz Pardo.

Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Promoción económica, turismo e medio ambiente. Cultura e praias.

Temas:
Cultura. Participación cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores. Turistas.