Sada aproba proxectos de obras de mellora de servizos públicos, tanto no casco urbano como nas parroquias

09/09/2017

Sada aproba proxectos de obras de mellora de servizos públicos, tanto no casco urbano como nas parroquias

-A Xunta de Goberno de Sada aprobou a licitación por procedemento aberto da reordenación da Travesía de Posse,  a impermeabilización da cuberta do pavillón do colexio Pedro Barrié de Mondego, a reforma da Capela de San Roque, o saneamento do camino de Loureiro a Samoedo e a pavimentación do camiño de Souto á Lamela en Carnoedo, cun total de 325.000 euros.


Sada, 8 setembro 2017.

O alcalde de Sada, Benito Portela, sinalou que coa aprobación na Xunta de Goberno da licitación, por procedemento aberto, de cinco nova obras en varios lugares do municipio “buscase a mellora de servizos á poboación con infraestructuras sociais básicas para mellorar a calidade de vida en todo o termo municipal”.

As obras que o Concello de Sada sacará a  licitación nos próximos días corresponden á reordenación da Travesía de Posse, a impermeabilización da cuberta do pavillón do colexio Pedro Barrié de Mondego, a reforma da Capela de San Roque, o saneamento do camino de Loureiro a Samoedo e a pavimentación do camiño de Souto á Lamela en Carnoedo. As obras citadas contan cun orzamento de 325.854,45€.

Reordenación contorna Travesía de Posse.

O proxecto ascende a 74.116 euros e inclúe a retirada do depósito de auga en desuso e a renovación do pavimento. É unha antiga demanda do barrio, que vén reclamando desde hai anos . O proxecto recolle tamén melloras na iluminación, coa retirada dos farois no tramo final da primeira travesía, que se repararán e repintarán e cuxos globos serán substituídos por outros que reduzan a contaminación lumínica. O plan inclúe tamén a restauración das luminarias da zona e a colocación de barbacanas nos pasos de peóns e de bolardos para evitar o acceso de vehículos á praza.

Impermeabilización da cuberta do pavillón do colexio Pedro Barrié de Mondego.

Na actualidade, as instalacións do pavillón do colexio utilízanse tanto para actividades deportivas do centro como para outros usos autorizados polo Barrié da Maza. Pero presenta problemas de filtracións pola cuberta e outras deficiencias, como humidades localizadas ou falsos teitos desprendidos, segundo apunta o proxecto básico e de execución do Concello de Sada.

A actuación consistirá no arranxo da cuberta pero tamén acondicionaranse os aseos e baños e o falso teito das instalación. Asemade realizarase o pintado de muros e a grada actual convertirase nun graderío con asientos.

O orzamento para a realización desta actuación ascende a 89.968€

Conservación da Capela de San Roque.

As obras a realizar na Capela de San Roque virán paliar unha serie de deficiencias que presenta un inmoble que data de 1885 e que desde o 2011 alberga unha sala de exposicións, despois de ser reconstruída.

Entre elas destacan os traballos de limpeza na cuberta, a impermeabilización de puntos singulares, o picado de revestimento e a aplicación de cal, o pintado de fachadas, o selado de gretas, o lijado e o pintado da forxa do campanario, o pintado dos paramentos interiores, a reparación do chan de madeira no coro, a reparación do falso teito na entrada á capela e a revisión do sistema de ventilación do interior, onde se pode apreciar un alto grao de humidade.

O orzamento para a realización desta actuación ascende a 60.204€.

Saneamento do camino de Loureiro a Samoedo e pavimentación do camino de Souto á Lamela en Carnoedo.

Duas obras de saneamento así como de pavimentación de camiños se realizarán dentro deste paquete de actuacións que a Xunta do Goberno Local aprobou para a súa licitación.

A primeira actuación será no camino de Loureiro a Samoedo. Os afectados reclamaban a instalación de saneamento e o asfaltado da zona que discurre entre a fábrica das Cerámicas do Castro ata a intersección de Samoedo, obra que vaise licitar cun orzamento de 61.565€.

A segunda obra a realizar nos camiños do municipio será en Carnoedo. Concretamente a pavimentación e mellora da recollida de pluviais  no camino de Souto á Lamela obra que ten un orzamento de 40.000€.

Arquivado en:
Carnoedo. Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Mondego. Administración local, obras e servizos. Urbanismo e emprego. Osedo. Sada. Educación, xuventude e saúde. Cultura e praias.

Temas:
Subvencións e axudas. Educación. Vivenda. Cultura. Participación cidadá. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA