Sada aproba o primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal da súa historia

18/03/2016

Sada aproba o primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal da súa historia

-  O documento presentado polo goberno municipal logra a maioría absoluta do Pleno da Corporación inda que cos votos en contra do Partido Popular..

-O documento será remitido agora á consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva.

- Escoita o Pleno Extraordinario de aprobación do PXOM


Sada 18 marzo 2016

Case quince anos despois de comezar a súa redacción, o pleno da corporación sadense aprobou onte o Plan Xeral de Ordenación Municipal, o primeiro da historia de Sada.

Agora, una vez que o Concello de Sada presente o PXOM na secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a Xunta disporá dun prazo dun mes para comprobar a integridade documental do expediente administrativo e do proxecto presentado e tres meses para estudar o PXOM e aprobalo definitivamente ou devolvelo para facer as modificacións necesarias.

Cómpre destacar que o Plan xeral, aprobado provisionalmente hoxe, porá fin ás Normas Subsidiarias de Planeamento vixentes dende xaneiro de 1997, hai 19 anos.

O documento urbanístico que se aprobou no pleno expúxose o pasado martes á cidadanía nun acto na Casa da Cultura que permitiu aos veciños disipar as súas dúbidas sobre o modelo urbanístico que recolle a PXOM.

Como incidiu o goberno municipal “o plan xeral foi elaborado por tres gobernos: o do bipartito, do PP e o actual executivo de Sadamaioría, BNG e PSOE”.

O concelleiro de urbanismo, Francisco Montouto, agradeceu onte no pleno aos concelleiros de urbanismo que pasaron pola corporación mentras se elaborou o PXOM, aos técnicos do equipo redactor, ao persoal dos servicios de Urbanismo do Concello e ao persoal da área de secretaria polo traballo realizado para sacar adiante este primer plan xeral de Sada.

Montouto sinalou tamén no pleno de onte que o novo PXOM aposta por reducir a capacidade residencial en relación ao plan existente e aposta tamén por reducir o gasto nas actuacións (viarias, zonas verdes, espazos libres, etc.) sen renunciar á calidade na obtención destes recursos.

O concelleiro de Urbanismo indicou tamén que dentro da redución de gasto nas actuacións “eliminásese o proxecto de dar continuidade ao paseo marítimo por Corbeiroa para preservar a zona pero  pola contra se aposta por expropiar espazos para dar resposta ás demandas dos veciños en canto a accesibilidade a cemiterios parroquiais e as praias do Concello así como incorpórase a posibilidade de cubrición dos parques infantís que estean incluídos dentro dos sistemas xerais de espazos libres” unha demanda histórica que non estaba contemplada no plan existente.

“En canto aos sectores urbanizables, sinalou Montouto, nos residenciais apostase polo crecemento no sur do núcleo urbano de Sada, mantendo os sectores na Agra de Samoedo e na zona da rúa Betanzos, eliminando a proposta anterior  dun sector urbanizable residencial en Pazos”.

Crease, pola contra, un sector urbanizable no lugar que se coñece como as traseiras de Barrié-As Brañas que responde a unha interpretación máis axustada da lexislación urbanística xa que se teñen en conta tanto os antecedentes de plan como a realidade fáctica a través da cal é posible identificar, recoñecer e distinguir con maior precisión o chan urbano e urbanizable.

En canto aos urbanizables terciarios, a PXOM elimina unha parte do sector I2 (Soñeiro) para axustalo ás esixencias da Memoria Ambiental e poténcianse os sectores T1 en Meirás e T2 en Vilar por consideralos estratéxicos pola súa situación ao carón das estradas AC-183 e Vía Ártabra. Tamén se aposta polo sector T3 en Osedo en canto a posibilidade de que se desenvolvan servizos públicos de tipo docente, sanitario ou asistencial.

Apelando á responsabilidade e axustando a PXOM á estrita legalidade urbanística elimináronse todos os polígonos proxectados ao longo da avenida de Sada e os seus Contornos que desclasificaban chan de consolidado a non consolidado.

Analizáronse todos os núcleos rurais e elimináronse aqueles plans especiais de ordenación de núcleo rural que non resultaban de interese ou que non se prevían de fácil desenvolvemento. "Certo é que criticamos a extensión dos núcleos, sinala Montouto, mais respectamos os criterios do equipo redactor da PXOM como resultado do proceso de participación pública”.

No referente aos ámbitos afectados por sentenzas xudiciais, aínda que unha PXOM non pode ter como finalidade a legalización de ámbitos, hai que observar a realidade dos feitos labores e acometer unha ordenación coherente respectando as sentenzas xudiciais, “pero desde logo, indica o concelleiro de Urbanismo, deféndese por encima de todo o interese público do Concello en canto ás responsabilidades patrimoniais que se determinarán nos xulgados correspondentes".

En canto ao Pazo de Meirás, cualifícase como unha área de plan remitido e cualifícase como Plan Especial de protección de Patrimonio. O Plan especial que desenvolva o ámbito conterá as determinacións necesarias para salvagardar a integridade do Ben de Interese Cultural (BIC), igualmente establecerá a posibilidade de que o BIC pase a ser de dominio e uso público. “Apostamos polo ámbito do Pazo de Meirás como espazo vertebrador público entre as parroquias de Meirás e Mondego”, sinala Francisco Montouto.

No enclave do Hotel a PXOM  establece como uso principal pormenorizado o terciario nas modalidades de oficinas-administrativo, docente-educativo, sanitario-asistencial-beleza-saúde e aloxamento turístico grupo a).

Arquivado en:
Carnoedo. Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Meirás. Mondego. Mosteirón. Urbanismo e emprego. Osedo. Sada. Soñeiro. Veigue.

Temas:
Benestar Social. Economía. Urbanismo. Vivenda. Mobilidade. Medio ambente. Participación cidadá. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores. Turistas.

AXENDA