Sada agarda que o novo goberno do Estado atenda as demandas pendentes do Pazo de Meirás e á rexeneración da praia.

03/06/2018

Sada agarda que o novo goberno do Estado atenda as demandas pendentes do Pazo de Meirás e á rexeneración da praia.

O alcalde de Sada sinala que "o goberno do estado debe comprometerse, con prazos e orzamento definidos, para a mellora ambiental da praia de Sada".

Benito Portela insta ademáis ao novo goberno do Estado a que acuda á vía xudicial para incorporar o Pazo ao patrimonio público.


Sada, 3 xuño 2018 

Ante o novo escenario político no Estado Español, co novo goberno presidido por Pedro Sánchez, o goberno de Sada agarda que por fin se atenda a dous dos asuntos nos que o Estado ten competencias en relación co Concello de Sada, a incorporación gratuíta do Pazo de Meirás ao patrimonio público  e a rexeneración da praia.

En relación ao Pazo de Meirás, Portela expresou “que agarda que o novo goberno do Estado sexa sensíbel as demandas da cidadanía galega na urxencia de abrir canto antes a vía xurídica co obxecto de definir e concretar unha solución para o Pazo de Meirás, creando unha fronte reivindicativo única entre o  goberno do Estado, o Concello de Sada , a Xunta de Galicia, e a Deputación de A Coruña”.

“O novo goberno presidido por Pedro Sánchez debe acordar e ordenar á abogacia do Estado  o exercicio das accións xudiciais oportunas para recuperar o Pazo para a titularidade e usos públicos e acabar dunha vez coa vergoña da súa detentación por parte dos herdeiros do ditador”, conclúe o alcalde, Benito Portela.

Respecto da praia de Sada, o Alcalde, Benito Portela, expresou que: "O goberno municipal vai demandar do novo goberno que se comprometa a acadar unha solución firme sobre a  Actuación Ambiental na Praia de Sada a cuxa licitación renunciou o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentacion e Medio Ambiente do Partido Popular", e prosigue “unha vez que coñezamos o nome do novo ministro ou ministra farémoslle chegar unha solicitude de reunión co obxectivo de que coñezan de primeira man a importancia que ten para Sada dita Actuación Ambiental para que de xeito inmediato comecen a traballar nun novo proxecto e súa posterior licitación, adxudicación e execución”.

Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Meirás. Administración local, obras e servizos. Urbanismo e emprego. Sada.

Temas:
Economía. Turismo. Urbanismo. Vivenda. Mobilidade. Participación cidadá. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA