Sada adxudica as obras de instalación de novos servizos e pavimentación de Praciña do Conde.

21/09/2018

Sada adxudica as obras de instalación de novos servizos e pavimentación de Praciña do Conde.

-A Xunta de Goberno Local adxudicou a actuación en Praciña do Conde á empresa SYR-AMG S.L.U. en 76.668€


Sada, 21 setembro 2018.

A zona que se somete a esta actuación é unha parte do núcleo urbano de carácter residencial, formado por edificios de vivendas plurifamiliares, cun gran número de baixos comerciais destinados a actividades de servizos. Ao tratarse dunha zona céntrica, a densidade de poboación é alta e por tanto o é o tráfico peonil. Na rúa obxecto de proxecto, o tráfico vehicular é menor en tanto soamente está permitido a residentes con praza de garaxe.

As obras que se proxectan unificarán a zona indicada coas adxacentes para integrala nas actuacións que se viñeron realizando ultimamente e facer máis cómodo o tráfico peonil, permitindo o tráfico de vehículos soamente para carga e descarga ocasional ou para garaxes de residentes, dotándoas de amplas beirarrúas e pavimentos idénticos ao lindeiro barrio da Tenencia e semellantes ao da avenida de Linares Rivas, eixo do denominado Centro Comercial Aberto e primeira das rúas renovadas hai algúns anos.

Nesta zona, os servizos que se mellorarán son os servizos municipais básicos: auga, saneamento de residuais e pluviais e a iluminación pública. Trátase en particular de substituír tramos de infraestruturas básicas situados en chan público, acometidas aos servizos de auga, saneamento e pluviais, así como instalar unha canalización subterránea para iluminación pública.

Nalgunhas rúas do centro de Sada aínda existen acometidas a vivendas en plomo, así como acometidas (non separativas) de gres para saneamento. Coa obra que se proxecta preténdese realizar a substitución das acometidas aos edificios que non cumpran co criterio de adecuación do material, arquetas, válvulas, etc.

Igualmente executarase a separación das augas residuais e pluviais, tal e como se veu realizando noutras zonas comerciais como a avenida Linares Rivas, rúa Oleiros ou no tradicional barrio da Tenencia. Para iso preténdense instalar os tramos necesarios de tubaxes para dirixir as augas provenientes das cubertas dos edificios existentes directamente ao colector subterráneo que se proxecta, así como as augas residuais producidas nas vivendas da zona a outro colector proxectado.

Igualmente, preténdese instalar os tramos que se consideren necesarios de canalizacións subterráneas para proporcionar subministración eléctrica, telecomunicacións, etc. ás vivendas existentes. Actualmente, algúns destes servizos atópanse grapados ás fachadas dos edificios e en casos atravesan as rúas con vans aéreos.


Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Administración local, obras e servizos. Avisos. Urbanismo e emprego. Sada.

Temas:
Subvencións e axudas. Urbanismo. Participación cidadá. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA