Sada acolle o Festival ELAS SON ARTISTAS co concerto de Nastasia Zürcher e a presentación do vídeo ELAS

31/05/2018

Sada acolle o Festival ELAS SON ARTISTAS co concerto de Nastasia Zürcher e a presentación do vídeo ELAS

-O vindeiro sábado 2 de xuño ás 18:00 horas, no edificio de A Terraza, terá lugar o concerto da artista galego-suiza, Nastasia Zürcher, e a presentación do video "ELAS", traballo audiovisual dirixido por Lorena Suarez do GRUPO ESPERTO coa colaboración da área de Benestar e Igualdade e onde participaron máis de 20 mulleres artistas de Sada.


 

Sada 31 maio 2018.

Elas Son Artistas é un proxecto gañador do Concurso de Ideas pola Igualdade na Cultura “Luisa Villalta” da Deputación da Coruña, unha celebración da muller como artista e como creadora promovida pola Sala Mardi Gras pero concebida como un Festival Metropolitano ao contar coa colaboración de sete concellos da área metropolitana: A Coruña, Arteixo, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada

Pero desde a Concelleria de Igualdade e Benestar e o Movemento Cultural ESPERTO veñen traballando conxuntamente para engadir un valor propio e distintivo do noso Concello a este Festival.

Ademais da actuación de Nastasia Zürcher, no escenario que se instalará na zona axardinada detrás da Terraza, farase a presentación do video "ELAS". “Un traballo audiovisual, sinala a concelleira de Benestar Isabel Reimundez, dirixido por unha muller, Lorena Suarez de ESPERTO, que conta coa colaboración da área de Igualdade, e onde participaron máis de 20 mulleres artistas de Sada. Escultoras, cantantes, pintoras, actrices, artesás, fotógrafas, bailarinas...todas mulleres e todas de Sada”.

Isabel Reimundez non oculta a súa satisfacción polo traballo que se ven realizando para este Festival. "Estamos moi satisfeitas con este traballo, indica a concelleira, que ten como obxectivo visibilizar o que estivo mal visto e oculto dende séculos, o traballo artístico das mulleres"

Nastasia Zürcher

Gañadora da categoría “Blues, Funk & Soul” nos Galician Music Awards 2016 (Premios Martín Códax da Música), esta xoven cantante e compositora galego-suiza, nada en Ginebra no seo duha família de músicos, crece inmersa nun universo cheo de melodias e ritmos multiculturais.

Nastasia presentou o seu primeiro vídeo musical, Voar, co que  gañou en duas categorias no I Certame de Canción de Autor en Galego, “Mellor Artista e Mellor Canción Orixinal”. Voar forma parte dun traballo de temas próprios chamado “My Flight”, o seu primeiro traballo en solitario que se estrenou a finais de novembro 2015.

En Sada, Nastasia Zürcher presentará o seu novo traballo musical, “Beat”, composto integramente por obras propias e baixo a mirada do produtor e músico-compositor galego Adrián Saavedra. Temas de onda moderna e groove descarado con aires de Neo-Soul, R&B Contemporáneo, Afro-Pop-Folk e Músicas do Mundo, nunha produción elegante, grande e coidada sobre a que repousa a xa inconfundible voz de Nastasia. 10 cancións, 10 maneiras de mover o corpo nas que a percusión, instrumentación e ritmos son un potente motor deseñados como puro traballo de ourivaría en busca de novos enfoques, sonoridades e texturas.


Arquivado en:
Novas. Benestar social e igualdade. Avisos. Sada.

Temas:
Benestar Social. Subvencións e axudas. Cultura. Participación cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA