Portela anuncia unha proposta de convenio coas Cerámicas O Castro e a Xunta para garantir a conservación do Museo Carlos Maside

27/03/2017

Portela anuncia unha proposta de convenio coas Cerámicas O Castro e a Xunta para garantir a conservación do Museo Carlos Maside

- Na intervención de Portela no acto, no que se lle entregou á familia da viúva de Isaac Díaz Pardo, a distinción de Filla Adoptiva de Sada e se presentou o caderno “Mimina: unha vida ao servizo da cultura galega”, destacou a figura de Carmen Arias “Mimina” sinalando que “as súas mans labraban fermosísimas alfaias que sargadeleaban polo mundo sen que ninguén soubese que eran daquela muller miúda.”

-“Non vexo mellor xeito de honrar a quen tanto lle deu a Sada, anunciou Portela, que devolverlle a luz ao legado que nos deixou. Comezaremos por revivir o Museo Carlos Maside, unha alfaia que deixou de brillar, cunha proposta de convenio entre o Concello, as Cerámicas O Castro e a Xunta de Galiza para garantir a súa correcta conservación”


Sada, 24 de marzo 2017.

O alcalde de Sada, Benito Portela, anunciou na homenaxe a Carmen Arias “Mimina”, organizada pola concellería de Benestar e a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, unha proposta de convenio entre o Concello de Sada, as Cerámicas O Castro e a Xunta de Galicia para garantir a correcta conservación do Museo Carlos Maside.

Na intervención de Portela no acto, no que se lle entregou á familia da viúva de Issac Díaz Pardo a distinción de Filla Adoptiva de Sada e se presentou o caderno “Mimina: unha vida ao servizo da cultura galega”, destacou a figura de Carmen Arias “Mimina” sinalando que “as súas mans labraban fermosísimas alfaias que sargadeleaban polo mundo sen que ninguén soubese que eran daquela muller miúda.”

No seu discurso o alcalde de Sada subliñou que “é hora de que as boas palabras se traduzan en feitos, de que as mans deste Concello falen” anunciando unha proposta de colaboración a tres bandas entre o Concello de Sada, as Cerámicas do Castro e a Xunta de Galicia.

“Non vexo mellor xeito de honrar a quen tanto lle deu a Sada, anunciou Portela, que devolverlle a luz ao legado que nos deixou. Comezaremos por revivir o Museo Carlos Maside, unha alfaia que deixou de brillar, cunha proposta de convenio entre o Concello, as Cerámicas O Castro e a Xunta de Galiza para garantir a súa correcta conservación”

Esta proposta de convenio garante a conservación dos fondos do Museo Carlos Maside e a apertura ao público “dun espazo que é memoria do País que Isaac, Seoane e Mimina, tamén Mimina, por suposto, soñaron”.

Portela adiantou esta proposta no acto do pasado venres que trasladará agora as Cerámicas do Castro e a Xunta de Galicia para entre as tres organizacións acadar un acordo para por en valor o Museo Carlos Maside, creado en 1970 ó abeiro do Laboratorio de Formas, nun característico edificio composto de módulos hexagonais ó redor dun módulo central. A partir do ano 1985, pasou a denominarse Museo Galego de Arte Contemporánea.

Finalizou o seu discurso o alcalde  lembrando de novo a figura de Mimina indicando que “ás veces, detrás dunha gran muller hai un gran home. Pero sempre está alá ao fondo esa outra muller miúda que cala tanto”.

O Museo Carlos Maside consta de tres plantas. Nas dúas primeiras plantas expóñense obras do propio Carlos Maside, de Castelao, e doutros artistas como Maruja Mallo, Francisco Lloréns, Xesús Corredoira, Francisco Asorey ou Arturo Souto, así coma dos renovadores, con obras de Laxeiro, Colmeiro ou Luís Seoane. Xunto a eles atópanse as obras de figuras singulares como Eugenio Granell e Urbano Lugrís. Poden contemplarse ademáis obras de artistas de Vangarda como os pertencentes ao grupo Atlántica. Finalmente, a última planta está dedicada ao debuxo humorístico.  


Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Benestar social e igualdade.

Temas:
Turismo. Formación. Cultura.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores. Turistas.

AXENDA