Os veciños de Sada escollen unha nova frase para ilustrar a Biblioteca Municipal

27/03/2017

Os veciños de Sada escollen unha nova frase para ilustrar a Biblioteca Municipal

- En anteriores edicións foron ilustradas frases de Celso Emilio Ferreiro, Shakespeare, Cervantes, Saint-Exupery, Celso Emilio Ferreiro, Neira Vilas ou Einstein.

Folla de participación no concurso Día do Libro 2017


Sada 27 de marzo 2017.

A Concellaría de Cultura, xestionada por María Pardo, a través da Biblioteca Municipal Suárez Picallo, programa para o Día do Libro 2017, unha edición máis da actividade de fomento de lectura que consiste nun concurso para ilustrar a Biblioteca Municipal coa frase que os lectores escollan.

Desde a Suárez Picallo estase a realizar durante os últimos días a recolección de frases dos libros que os usuarios pensen que teñen suficiente calidade para converterse en arte nos muros da biblioteca.

A iniciativa da biblioteca sadense consolídase como unha cita cultural imprescindible en Sada tras a súa posta en marcha no ano 2012. Aínda que a primeira edición desta actividade remóntase ao ano 2008 cando se seleccionou unha frase do libro Longa Noite de Pedra  de Celso Emilio Ferreiro, frase que achegou o sadense Isaac Pérez e cuxa ilustración realizou o tamén sadense David Suárez Ansede.

En anteriores edicións foron ilustradas frases de Shakespeare, Cervantes, Saint-Exupery, Celso Emilio Ferreiro, Neira Vilas ou Einstein.

No concurso deste ano poderá participar calquera persoa maior de idade cubrindo o impreso, que pode descargarse na web municipal ou recollerse na Biblioteca Municipal, e posteriormente envialo por correo electrónico a bibliotecasada@gmail.com ou entregalo na Suárez Picallo. A data tope para entregar a folla de participación coa frase escollida é o xoves 30 de marzo ás 24 horas.

Un xurado, composto pola directora da Casa da Cultura, unha profesora/mestra e un/ha usuario/a escollerá  a frase que pasará a decorar as paredes da biblioteca o 17 de abril da man do ilustrador Anxo Fariña.

O pasado ano a gañadora foi Flor López, empregada do Centro de Día de Mondego, quen participou nesta actividade coa frase “Todo está en querer, a vontade e a forza de moitos pode arrincarlle zume ás pedras” do libro Querido Tomás de Xosé Neira Vilas.

A frase gañadora deste ano terá como premio unha comida/cea no restaurante/bar de Sada que o usuario/a prefira por un importe máximo de 100€ que se poderá gozar ata o 31 de maio.

Arquivado en:
Cultura e praias.

Temas:
Educación. Cultura.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA