O Punto de Asesoramento cos afectados polas inundacións tramitará as axudas que o alcalde xestionou coa Delegación de Goberno

08/04/2016

O Punto de Asesoramento cos afectados polas inundacións tramitará as axudas que o alcalde xestionou coa Delegación de Goberno

- O goberno local citará aos veciños afectados para examinar cada caso e presentar as reclamacións de danos ás que poderán acollerse a maiores das compensacións que proveñan dos seguros e da declaración de zona de emerxencia de protección civil, se fose o caso.

- O punto de información e asesoramento cos afectados das inundacións ampliarase cun asesor xurídico do Consorcio dás Mariñas e persoal de Servizos Sociais para informar, asesorar e tramitar as solicitudes das axudas que se outorgarán en réxime de concesión directa segundo recolle o real decreto 307/2015.

-As solicitudes remitiranse á Delegación de Goberno antes do 30 deste mes e o Ministro do Interior deberá resolver as mesmas de forma motivada no prazo de seis meses desde a data en que aquelas tivesen entrada no rexistro da Delegación do Goberno.

-O goberno local convocará o luns un pleno extraordinario para ofrecer informes técnicos, reunións mantidas con distintas administracións e organismos, trámites de axudas e toda a información relativa as inundacións producidas a pasada semana.

Sada 8 abril 2016

As reunións que veu mantendo o alcalde de Sada, Benito Portela, coas distintas administracións e organismos buscando, por unha banda, compensacións aos danos producidos pola riada e, polo outro, melloras das infraestruturas de pluviais e saneamento seguen o seu camiño.

Se onte era o Director Xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, quen se reunía en Sada co alcalde para estudar as propostas que o goberno local presentou ao pleno da corporación, hoxe o goberno local está a acondicionar varios despachos na primeira planta do edificio de usos administrativos do Concello de Sada buscando a ampliación do punto de información e asesoramento para tramitar a partir do vindeiro luns, de maneira particular con cada afectado, as axudas ás que poderán acollerse en base ao real decreto 307/2015 e que Portela xestionou na reunión na Delegación de Goberno.

É o que esta mañá transmitiu Benito Portela aos distintos administradores das comunidades de veciños afectadas nunha reunión que se convocou para anunciarlles as axudas que se tramitarán desde o Concello.

Sabedores desde o goberno local que a resolución de declaración de zona afectada por unha emerxencia de protección civil  pode levar varios meses o alcalde acudiu o pasado mércores á Delegación de Goberno para tratar de xestionar unhas axudas que de maneira paralela pódense solicitar en atención a necesidades derivadas de situacións de emerxencia ou de natureza catastrófica e cuxa tramitación é inminente.

O acalde de Sada indica que estas axudas, complementarias ás compensacións dos seguros e ás que nun futuro poidan solicitarse, outórganse “cando debido a unha  situación de natureza catastrófica altéranse substancialmente as condicións de vida da colectividade, e prodúcense graves danos que afectan a unha pluralidade de persoas e bens”.

Este é o caso das inundacións acontecidas a semana pasada en Sada polo que Portela cre necesario axilizar as solicitudes de todos os veciños ampliando o punto de asesoramento cun asesor xurídico do Consorcio dás Mariñas e persoal de Servizos Sociais para informar, canalizar a través da administración local e tramitar as solicitudes das axudas que se outorgarán en réxime de concesión directa.

“A concesión destas axudas, indica Portela, terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, do que poidan ser beneficiarios os afectados. No entanto, segundo indica o decreto das propias axudas, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as subvencións previstas neste real decreto concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos, procedentes de sistemas públicos ou privados, ate o límite do valor do dano producido”.

Desde o goberno local búscase impulsar aqueles mecanismos de colaboración que en cada caso contribúan á maior operatividade das medidas previstas neste  real decreto de axudas e por iso o procedemento actívase a instancia da solicitude do alcalde á Delegación do Goberno que inicia o procedemento, de conformidade co establecido no artigo 42.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

A partir deste momento, o Concello de Sada chamará a todos os afectados que ten na base de datos, creada na última semana desde o punto de información e asesoramento, para citalos e que xunto ao asesor xurídico do Consorcio das Mariñas e o persoal de Servizos Sociais  poidan tramitar correctamente e presentar a solicitude de axuda no prazo dun mes.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as unidades familiares ou de convivencia económica que sufran danos persoais ou materiais, ponderándose, a estes efectos, a contía da axuda en proporción aos recursos económicos de que dispoñan para facer fronte a unha situación de emerxencia ou catástrofe. Tamén as persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos mercantís, industriais ou de servizos, con menos de cincuenta empregados, cuxos locais de negocio ou bens afectos a esa actividade fosen danados directamente polos feitos derivados da situación de emerxencia ou de natureza catastrófica. Serán beneficiarias tamén as Comunidades de Propietarios en réxime de propiedade horizontal que sufrisen danos en elementos comúns de uso xeral que afecten tanto á seguridade como á funcionalidade do inmoble, derivados da situación de emerxencia ou de natureza catastrófica.

Unha vez tramitadas todas as solicitudes desde o punto de información e asesoramento cos afectados das inundacións,  o Concello remitirá as mesmas á Delegación ou Subdelegación do Goberno correspondente.

Completada a recepción de solicitudes, xunto coa documentación preceptiva, a Delegación ou Subdelegación do Goberno remitirá os expedientes tramitados á Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias, dentro do cinco días seguintes á terminación do prazo de presentación de solicitudes ou no seu caso, do prazo para o seu subsanación, xunto cunha relación dos posibles beneficiarios. Á vista dos expedientes tramitados, a Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias avaliará as solicitudes, poderá realizar cantas comprobacións e inspeccións complementarias estime pertinentes e procederá a ditar a proposta de resolución definitiva. O Ministro do Interior, á vista da proposta definitiva formulada pola Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias, resolverá as solicitudes de forma motivada no prazo de seis meses desde a data en que aquelas tivesen entrada no rexistro da Delegación ou Subdelegación do Goberno.

Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Administración local, obras e servizos. Benestar social e igualdade. Urbanismo e emprego.

Temas:
Benestar Social. Subvencións e axudas. Urbanismo. Vivenda. Medio ambente. Participación cidadá. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores. Dependencia.

AXENDA