O goberno municipal leva a pleno a cesión dos terreos de Fontán para a construción de novas sendas peonís e ciclistas.

30/08/2017

O goberno municipal leva a pleno a cesión dos terreos de Fontán para a construción de novas sendas peonís e ciclistas.

- O Concello de Sada e a Xunta de Galicia realizaron o proxecto, que abarcará un tramo da vía de máis de medio quilómetro, entre o lavadoiro de Fontán e o cruze de Pazos.

- Convocatoria Pleno ordinario 31 agosto


Sada 29 de agosto 2017.

O pleno ordinario de mañá xoves abordará a cesión dos terreos necesarios no tramo da estrada AC-163 entre a ponte do lavadoiro de Fontán e o cruze de Pazos para a execución posterior dunha nova senda peonil e ciclista.

Para este proxecto o Concello de Sada solicitou aos propietarios dos terreos lindantes coa estrada que cedesen  as zonas que están fóra de aliñación, nun tramo que se considera “prioritario” para a execución das citadas sendas.

Desde os departamentos de Obras e Servizos e de Urbanismo do Concello de Sada vén colaborando coa consellería de Infraestruturas e Vivenda nesta iniciativa, que contempla a creación dunha senda peonil nun tramo de aproximadamente un quilómetro da estrada AC-163 onde enlazaría nos seus extremos coas beirarrúas existentes. Esta obra inclúe unha franxa vexetal de medio metro e tamén a colocación de canalizacións para augas pluviais.

“Este tipo de actuacións facilita a circulación en condicións de maior seguridade para ou conxunto dos usuarios e ademais fomenta unha mobilidade peonil máis respectuosa co medio ambiente, alternativa ao uso do vehículo privado”, considera o alcalde, Benito Portela.

O rexedor reuniuse o pasado verán co xefe do servizo provincial de Estradas da Xunta, Felipe de la Vega, para informarlle sobre as peticións veciñais en materia de infraestruturas, entre as que se incluía esta senda peonil na estrada que enlaza Sada con Lorbé.

Ao proxecto, realizado pola concellería de Infraestruturas e Vivenda, engadiuse a petición do Concello de Sada a posibilidade de beirarrúas en ambos os sentidos de circulación, nunha zona, así como a substitución das canalizacións nun tramo onde adoita romper polo mal estado e a antigüidade do existente

Por ese motivo desde o pasado mes de febreiro desde as concellarías citadas veñen reunindo cos veciños propietarios dos terreos por onde discorre a senda peonil e ciclista para conseguir a cesión dos tramos fóra de aliñación de cara a cederllos á Xunta de Galicia para executar o proxecto canto antes.


Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Administración local, obras e servizos. Urbanismo e emprego. Sada.

Temas:
Subvencións e axudas. Urbanismo. Mobilidade. Participación cidadá. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA