O goberno municipal espera que o PXOM se aprobe por unaminidade

13/03/2016

O goberno municipal espera que o PXOM se aprobe por unaminidade

- O goberno municipal pide madurez política para conseguir, dunha vez por todas, un documento urbanístico para o Concello de Sada

- O goberno municipal agarda que visto e estudado o expediente por todos os grupos políticos e visto que os cambios son para mellorar o PXOM existente, este sexa aprobado por unanimidade de toda a corporación.

- “Os cambios non son substanciais e polo tanto non entran nas determinación que indica o artigo 85 da LOUGA, polo que non é necesario un novo período de información pública”.


Sada, 11 de marzo 2016

Tal e como se comprometeu no Pleno Extraordinario do mes de decembro, o goberno municipal de Sada presenta para aprobación provisional o Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Nese pleno do mes de decembro, o concelleiro de Urbanismo, Francisco Montouto sinalaba que “ o Plan non estaba para aprobar porque contiña eivas tanto dende o punto de vista urbanístico como dende o punto de vista normativo e legal”.

Por todo elo dende a concellería de Urbanismo se procedeu a facer unha serie de modificacións para que o Plan acadase niveis satisfactorios de sostíbilidade e igualitarismo. Os cambios foron consensuados polas tres organizacións que forman o goberno de Sada (Sadamaioría, PsdeG-PSOE e BNG) e foron presentados aos grupos da oposición para que tiveran coñecemento e fixeran achegas si así o estimaban convinte.

Se ben é certo que o PXOM contaba con todos os informes externos favorabeis, faltaban os informes internos para levar a Pleno o documento. Agora, tanto o informe técnico, elaborado polo Arquitecto do Servicio de Asistencia Técnica a Municipios da Deputación de A Coruña, como o informe económico elaborado polo Interventor Municipal, como os informes xurídicos elaborados polo Técnico de Administración Xeral de Urbanismo e polo Secretario do Concello, foron informados favorablemente.

Cambios no PXOM

O actual goberno de Sada nun exercicio de responsabilidade decidiu seguir adiante co Plan elaborado na súa maior parte polo Partido Popular, mais con matices e cambios, que non afectan ao modelo territorial elixido.

“Tratase agora, indica Montouto, de reforzar e perfeccionar o modelo en base a criterios e cambios puntuais que son o resultado dun proceso de mellora do documento que en todo momento tivo presente o expresado pola cidadanía e pola vontade política do actual goberno de Sada”.

En canto a si as modificacións que se propoñen son substanciais ou non, tal e como suxire o Partido Popular, hai que lembrar que tanto o informe do equipo redactor como o informe do arquitecto do Servizo de Asistencia a Municipios da Deputación como informe do técnico xeral de administración xeral do Urbanismo non deixa lugar a dúbidas: “Os cambios non son substanciais e polo tanto non entran nas determinación que indica o artigo 85 da LOUGA, polo que non é necesario un novo período de información pública”.

A estes efectos, a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza 867/2002 de 22 de xuño relativa ao termo municipal de Betanzos di que para que exista modificación substancial "é preciso que haxa un cambio esencial da concepción, do modelo, o desenvolvemento e as finalidades do documento de aprobación inicial".

O goberno municipal agarda que visto e estudado o expediente por todos os grupos políticos e visto que os cambios son para mellorar o PXOM existente, este sexa aprobado por unanimidade de toda a corporación.

“É o momento, sinala Montouto,  de estar á altura das circunstancias e de demostrar madurez política para conseguir dunha vez por todas un documento urbanístico que aporte tranquilidade e seguridade xurídica ao Concello de Sada.

A proposta de PXOM que se vai presentar para aprobación provisional axustase en maior medida ás indicacións que propoñía a Memoria Ambiental remitida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras no mes de marzo de 2015.

Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Urbanismo e emprego.

Temas:
Urbanismo. Vivenda. Mobilidade. Medio ambente. Participación cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA