O goberno municipal comeza as obras do campo de fútbol As Mariñas-Andrés Pena

09/03/2017

O goberno municipal comeza as obras do campo de fútbol As Mariñas-Andrés Pena

- Ademais de instalar servizos básicos, como saneamento nas proximidades, pavimentarase practicamente o 100% da rúa de acceso ao campo e do interior do recinto para o uso de xogadores e espectadores, é dicir o perímetro en torno ao propio terreo de xogo que históricamente demandaron usuarios e pais dos xogadores de categorías inferiores do Rayo Sadense e do Sporting Sada.

- O goberno municipal ten previsto ademais adecentar as zonas verdes interiores do recinto deportivo con achegue de terra e regularización da nova superficie para facilitar os labores de mantemento do céspede. Instalar novas papeleiras no perímetro do campo e realizar traballos de adecuación do edificio de vestiarios con pequenos traballos de albanelaría, fontanaría, electricidade, e pintura.


Sada, 10 marzo 2017.

A concelleira de Deportes, Zeltia García, acudiu onte ao campo de fútbol municipal As Mariñas-Andrés Pena, xunto co técnico de deportes do concello, para examinar o comezo da actuación que suporá a pavimentación, servizos e accesibilidade na contorna do campo de fútbol, proxecto redactado polos servizos técnicos da área de Urbanismo.

As obras que se proxectan tratan de favorecer a accesibilidade dos usuarios e afeccionados dotándoas de amplas e cómodas superficies para acceder e gozar da práctica do fútbol. Do mesmo xeito que outras zonas do centro urbano de Sada, esta é unha máis que favorecerase de novos pavimentos e servizos adecuados ás necesidades da cidadanía.

O goberno local, a través das concellarías de Deportes e de Obras e Servizos, constatou desde a súa chegada ao goberno que as actuais infraestruturas do campo de fútbol e rúas de acceso requirían obras de mellora, tanto na adecuación dos seus pavimentos como na inclusión de infraestruturas de saneamento e iluminación.

A obra de adecuación propón dotar ao recinto deportivo dos servizos e os pavimentos necesarios para o seu óptimo funcionamento, cumpríndose así cos desexos dos usuarios desta importante instalación deportiva situada no centro urbano de Sada que desde hai anos veñen demandando unha mellora tanto no acceso como no interior do recinto onde debido ao seu estado, principalmente na época de choivas, tiñan dificultades nos accesos ao campo de fútbol. Hai que lembrar que esta instalación deportiva é usada maioritariamente polos cativos do municipio debido a que é o campo de fútbol onde xogan como locais os equipos de categorías inferiores do Raio Sadense e do Sporting Sada xuntando alrededor de 200 nenos e nenas.

Trátase, por tanto, de instalar os novos tramos de servizos baixo chan público e as correspondentes acometidas, pozos de rexistro, arquetas, etc. Así mesmo, instalaranse os sumidoiros necesarios e as conexións ao colector subterráneo existente para recoller as augas pluviais, provenientes das cubertas dos edificios existentes e das rúas a pavimentar.

Igualmente, preténdese pavimentar practicamente o 100% das rúas de acceso ao campo e do interior do recinto para o uso de espectadores, é dicir o perímetro en torno ao propio terreo de xogo.

Desta maneira desde a zona das Brañas chegarase ao campo de fútbol mediante un viario pavimentado e dentro do mesmo recinto dotarase de chan de cemento, fabricado "in situ", extendido, compactado e con índice de plasticidade, en todo o perímetro do campo de fútbol.

O goberno local ten previsto ademais adecentar as zonas verdes interiores do recinto deportivo con achegue de terra e regularización da nova superficie para facilitar os labores de mantemento do céspede. Instalar novas papeleiras no perímetro do campo. Potenciar a iluminación pública en zonas de aparcadoiro e realizar traballos de adecuación do edificio de vestiarios con pequenos traballos de albanelaría, fontanaría, electricidade, e pintura.

O orzamento de execución deste proxecto  ascende a 81.200,70€ e o seu prazo de execución desde o comezo das obras é de tres meses.


Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Administración local, obras e servizos. Sada. Deportes.

Temas:
Subvencións e axudas. Deporte. Participación cidadá. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA