O CONCELLO DE SADA DESCOÑECE O PROXECTO DE PORTOS DE GALICIA PARA AS ESCALEIRAS DE FONTÁN

31/08/2017

O CONCELLO DE SADA DESCOÑECE O PROXECTO DE PORTOS DE GALICIA PARA AS ESCALEIRAS DE FONTÁN

En relación coa noticia publicada hoxe xoves 31 de agosto na prensa, onde responsables de Portos de Galicia confirman que en breve se abordará a construción dunhas novas escaleiras para substituír as existentes entre o porto e o barrio de Fontán e onde indican que o actual acceso de madeira substituirase por unhas escaleiras de formigón, o Concello de Sada quere precisar o seguinte:


O Concello de Sada descoñece o proxecto de Portos de Galicia para o ámbito das escaleiras de Fontán.

Dadas as características do barrio tradicional e histórico de Fontán e dadas as condicións que teñen que cumprir os elementos que alí se instalen en canto a rehabilitación, conservación e mantemento, o Concello de Sada non ve acaído un proxecto no que se pretendan executar obras de rehabilitación de ditas escaleiras con materiais que como o formigón ou similares implicarían un gran impacto visual e que non serían integradoras coa contorna na que se sitúan. O goberno lembra ao respecto o nivel de protección da zona, que se reforza no PXOM. 

Dentro do convenio existente entre Portos de Galicia e o Concello de Sada para o mantemento das zonas que lle corresponden a cada unha das administracións, o Concello de Sada bota de menos maior implicación por parte de Portos de Galicia nas áreas que lle corresponden e así se lle manifestou a dito ente na derradeira reunión bilateral por parte do Alcalde de Sada, Benito Portela e o Concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Tenreiro.

O Concello de Sada amosa súa disposición para acadar un novo convenio entre Portos de Galicia e o Concello xa que o existente, do ano 2000, é claramente insuficiente e non responde ás esixencias dos veciños e veciñas de Sada. Neste novo convenio deberíase concretar polo miúdo as actuacións e obras que se teñan que realizar tanto polo Concello de Sada como polo ente portuario.

 

Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Administración local, obras e servizos. Urbanismo e emprego. Sada.

Temas:
Urbanismo. Vivenda. Mobilidade. Participación cidadá. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA