Medio Ambiente licita a rexeneración da Praia de Sada

20/08/2017

Medio Ambiente licita a rexeneración da Praia de Sada

- Costas saca a contratación a obra por 2,4 millóns e un prazo de execución de 12 meses.

- Anuncio da Licitación Actuación medioambiental en la ría del Pedrido, Fase I, Playa de Sada (A Coruña)


 

A Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar sacou novamente a concurso a rexeneración da praia de Sada. Os traballos saen a licitación por 2,4 millóns e un prazo de execución de 12 meses (o dragado deberá realizarse entre xullo e decembro). 

O Estado saca de novo a licitación os traballos tras anular o concurso que convocara en vésperas das eleccións municipais de 2015. Tras manter o proceso parado durante ano e medio, Costas emitiu unha resolución o pasado marzo na que desistía do proceso por "unha infracción non subsanable das normas reguladoras do procedemento". 

Costas xustificou a anulación alegando que non procedía continuar co procedemento debido ao "tempo transcorrido desde que a mesa de contratación debía analizar os preceptivos informes e propor adxudicatario" e pola "inseguridade xurídica que podería xerar a súa continuación tras incumprirse os prazos previstos pola lexislación. "Produciuse unha infracción non subsanable das normas reguladoras do procedemento que imposibilita retomar o procedemento no punto no que quedou paralizado", concluía o informe. 

Tras a anulación, Costas comprometeuse a reiniciar de "maneira inmediata" a contratación. O paso do días sen avances fixo que o goberno local elevase a pleno, o pasado mes de abril, unha moción para esixir axilidade nos trámites dunha obra longamente demandada e que sufriu innumerables adiamentos na última década. 

O acordo da moción instaba ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, á execución inmediata, e sen maior dilación, das actuacións ambientais e de posta en valor da Praia de Sada, cos compromisos orzamentarios e coa licitación urxente e adxudicación das obras o máis axiña posible. Así mesmo acordouse dar traslado do citado acordo ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, así como aos grupos parlamentarios das Cortes do Estado e do Parlamento de Galicia 

Catro meses despois de anular o concurso, o Boletín Oficial do Estado publicou no día de onte o anuncio da nova licitación. Se o procedemento de contratación non se atrasa, os traballos de rexeneración da praia de Sada poderían comezar en xuño de 2018.

O prego puntuará a oferta técnica cun 20% e cun 80% a proposta económica. O Estado fixa como data límite para presentar ofertas o 18 de setembro. A apertura das ofertas está prevista para o 2 de novembro. 

Máis dunha década de espera 

O novo procedemento de contratación chega despois de varios simulacros frustrados. Costas presentou en 2006 un proxecto para recuperar toda a ría de Ou Pedrido e fixou nese mesmo ano a rexeneración do areal sadense. A obra non chegou a executarse e en 2015, o Estado impulsou unha separata con só a praia de Sada que tampouco chegou adxudicarse.

Aínda que se anunciaba un día antes das pasadas eleccións municipais que "as obras está previsto que comecen no último trimestre de 2015", o certo é que a Actuación ambiental na ría do Perdido, fase I, Praia de Sada cun orzamento base de licitación de 2.468.594€, levaba parada desde 4 de setembro de 2015 cando se abriron as propostas presentadas por oito empresas que se presentaron á licitación.

Desde ese momento, o alcalde de Sada reuniuse en distintos organismos para logar un compromiso da administración do estado ante a tardanza da adxudicación que acumula ano e medio de atraso.

A primeira das reunións mantívoa o alcalde co xefe da demarcación de costas de Galicia, Rafael Eimil, o 22 de xuño de 2015. Na devandita reunión Eimil confirmou o comezo da obra da rexeneración da praia de Sada en xullo de 2016.

Ademais anunciouse por parte de Costas de Galicia que se habilitaría unha partida de 240.000 euros para desenvolver un traballo de control ambiental e coordinación de seguridade e saúde durante a execución das obras do proxecto e posteriormente á rexeneración no ámbito da praia das Delicias.

Debido ao atraso na adxudicación das obras, o alcalde de Sada, Benito Portela, reuniuse en Madrid no mes de setembro de 2016 coa directora xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, Raquel Orts, quen lle asegurou o compromiso do ministerio para a continuación do proxecto "que terá, segundo Orts, o seu comezo efectivo o próximo ano 2017".

Un mes despois Portela enviaba unha carta á recentemente nomeada ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina , indicándolle "a preocupación dos veciños e veciñas do concello de Sada que polo atraso que acumula o proxecto Actuación ambiental na Praia de Sada".

O alcalde de Sada lembráballe á ministra a reunión mantida coa directora xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, Raquel Orts, onde se asegurou o compromiso de seguir "coa tramitación da licitación axiña que houbese novo goberno e nomeásese o novo gabinete".

O pasado 21 de marzo, Portela volvía escribir á ministra García Tejerina para trasladarlle "a indignación de toda a sociedade sadense, goberno e veciñanza, polo atraso de ano e medio que acumulaba a adxudicación das obras da citada actuación unha vez realizada a apertura de ofertas".

O alcalde lembráballe á ministra que pasaran seis meses desde a reunión coa directora xeral de Sustentabilidade e "catro meses desde a súa toma de posesión como ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación e Medio Ambiente e en Sada seguimos sen ter noticias desta actuación ambiental que, como lle expresei anteriormente, é de vital importancia para devilo de Sada, municipio que leva aproximadamente 11 anos tentando converter o areal urbano nun lugar de uso e goce da cidadanía".

"Sada necesita urxentemente esta actuación ambiental no noso areal que potenciaría outras actuacións que seguro impulsarían a creación de emprego e a cultura emprendedora", sinalaba na misiva Portela.

Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Administración local, obras e servizos. Urbanismo e emprego. Sada.

Temas:
Economía. Turismo. Urbanismo. Medio ambente. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores. Turistas.

AXENDA