Fontán contará cunha senda peonil e unha senda bici

27/06/2016

Fontán contará cunha senda peonil e unha senda bici

- As obras a realizar neste proxecto, que estará terminado  no mes de xullo para proceder á súa inmediata licitación, contemplan unha franxa vexetal de aproximadamente medio metro de ancho entre unha e outra senda e a colocación de tubaxe na beiravía para a canalización das augas pluviais, que permita a circulación dos peóns e ao mesmo tempo garanta a drenaxe adecuada da estrada.

- Portela trasladou ademais ao xefe do servizo provincial de Estradas da Xunta de Galicia, Felipe de la Vega, varias demandas veciñais en distintos puntos do termo municipal como a creación de beirarrúas na AC-183, ao seu paso por en Meirás, e na AC-163, entre a escola de Carnoedo e o lugar de Taibo.

- O alcalde solicitou tamén a mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns nos tramos por onde os vehículos circulan a maior velocidade na Avenida da Mariña en Sada e diante da escola de Carnoedo

Sada, 25 xuño 2016.

O alcalde de Sada, Benito Portela, reuniuse esta semana co xefe do servizo provincial de Estradas da Xunta de Galicia, Felipe de la Vega, para trasladarlle diversas solicitudes dos veciños en materia de infraestruturas así como para avanzar na redacción do proxecto de dotación de senda peonil e senda bici nun tramo da AC-163 que discorre entre Sada e Mera á altura de Fontán.

O proxecto, actualmente en fase de redacción, contempla a creación dunha senda peonil e unha senda-bici na marxe esquerda da estrada AC-163 entre a ponte do lavadoiro de Fontán (PK 1+300) e o cruce de Pazos (PK.1+860) onde se empalmaría coas beirarrúas existentes.

As obras a realizar neste proxecto, que está previsto que estea terminado no mes de xullo para proceder á súa inmediata licitación, contemplan unha franxa vexetal de aproximadamente medio metro de ancho entre unha e outra senda e a colocación de tubaxe na beiravía para a canalización das augas pluviais, que permita a circulación dos peóns e ao mesmo tempo garanta a drenaxe adecuada da estrada.

“Este tipo de actuacións, indica Portela, facilita a circulación en condicións de maior seguridade para o conxunto dos usuarios e ademais fomenta unha mobilidade peonil máis respectuosa co medio ambiente, alternativa ao uso do vehículo privado. Ademáis coa senda bici búscase coma obxectivo o fomento do emprego da bicicleta, xunto ao desprazamento a pé.”

Máis demanda de beirarrúas

Portela trasladou ademais ao xefe do servizo provincial de Estradas da Xunta de Galicia varias demandas veciñais en distintos puntos do termo municipal.

Unha das demandas históricas é a creación de beirarrúas en Meirás. Concretamente o alcalde sinalou  a necesidade de acometer a dotación de senda peonil e/ou beirarrúas na estrada AC-183 entre o cruce de Carta en Mondego, onde finalizan as beirarrúas, (PK 3+000) e o cruce da estrada dirección Arillo en Meirás (PK 4+100). Ademais Portela demandou a creación de beirarrúas entre a AC-163, concretamente entre a escola de Carnoedo e o lugar de Taibo, por ser un lugar onde é necesario aumentar a seguridade viaria polo tránsito de escolares que soporta.

“Falamos de seguridade vial nas estradas propiedade da Xunta e trasladei solicitudes da veciñanza que recabamos nas reunións de participación cidadá mantidas nas parroquias nas últimas semanas”, indicó Benito Portela.

Finalmente o alcalde solicitou unha mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns nos tramos por onde os vehículos circulan a maior velocidade na Avenida da Mariña en Sada e diante da escola de Carnoedo e a autorización para a instalación dunha marquesiña entre Taibo e Veigue, na intersección coa estrada destino a Riobao. 


Arquivado en:
Carnoedo. Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Meirás. Mondego. Administración local, obras e servizos. Urbanismo e emprego. Sada.

Temas:
Turismo. Urbanismo. Mobilidade. Participación cidadá. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores. Turistas.

AXENDA