Educación ofrece a todos os centros escolares de Sada un programa de saúde bucodental

05/10/2016

Educación ofrece a todos os centros escolares de Sada un programa de saúde bucodental

- Este programa ten como obxectivo xeral mellorar a saúde bucodental dos nenos e nenas do noso municipio de 1º e 5º de Educación Primaria  e, especialmente, contribuír á redución de enfermidades máis prevalentes como son a carie e a enfermidade periodontal.

- O programa levarase a cabo na segunda quincena de outubro e na primeira de novembro onde os escolares de Sada recibirán na primeira parte do programa unha charla educativa sobre a saúde buco dental e na segunda parte recibirán a visita de odontólogos que explicarán a técnica de cepillado, a realización nos baños de técnica de cepillado con uso de reveladores de placa e farán unha exploración dental.

-“A área educativa, indica a concelleira Raquel Bolaño, pola súa transversalidade permite traballar moi diferentes aspectos, neste caso hábitos saúdables, que á súa vez redundarán no propio entorno do/da escolar e da sociedade en xeral”

Sada 5 outubro 2016.

A prevención das enfermidades bucodentais ten como etapa idónea a infancia, xa que, neste período vai aparecendo a dentadura de leite e a definitiva; é por iso o momento adecuado para adquirir coñecementos, hábitos saudables e aplicar medidas preventivas eficaces.

Desde a concellería de Educación, Xuventude e Saúde, xestionada pola socialista Raquel Bolaño,  entenden que os centros docentes son o lugar idóneo xa que nos permite “chegar ao colectivo escolar para lograr mellorar o estado de saúde bucodental en escolares e promover a adquisición de hábitos alimentarios e hixiénicos saudables. Se trata dunha nova iniciativa, entorno aos 3000 euros de inversión, onde hai un punto de encontro entre a saúde e a educación para a saúde”

As enfermidades buco dentais inícianse na infancia, sendo a carie unha das enfermidades de maior prevalencia na nenez. Na idade escolar, os dentes son máis vulnerables á acción da carie. Os dentes cando erupcionan, teñen un esmalte inmaduro que se irá consolidando nos 2 ou 3 anos seguintes, e neste período son máis susceptibles á carie. Os dentes permanentes van erupcionando entre os 6 e os 14 anos idade, de aí a importancia neste período para establecer hábitos saudables de alimentación e hixiene, vixiar a saúde oral e aplicar medidas preventivas en caso de risco de carie.

Para alcanzar tanto os obxectivos xerais como os específicos o programa bucodental colle como grupo tipo de estudo epidemiolóxico e posterior avaliación do programa de saúde, desenvolvido nun prazo de catro anos ,a escolares de 1º de educación primaria e tamén de 5º de primaria, no primeiro ano de aplicación, para facer unha comparativa unha vez rematado o programa.

Segundo indica Raquel Bolaño os obxetivos xerais do programa de saúde bucodental son “a prevención de enfermidades buco dentais e adquirir hábitos saudables para manter unha óptima saúde buco dental, pero tamén búscase promover hábitos alimentarios e hixiénico saudables ou a adquisición e aprendizaxe de técnica de cepillado. A prevención  sempre da máis respostas e é moito máis útil, sendo os escolares un grupo fantástico para implementar hábitos saudables e de promoción da saúde”

Os escolares aprenderán a coñecer os elementos que forman a boca e a súa función, a diferenciar os distintos tipos de dentes e as súas función así como a coñecer os utensilios de limpeza bucodental, entender que é a carie e a enfermidade das encías e diferenciar alimentos saudables e prexudiciais para a saúde buco dental.

O programa sinala Bolaño pretende tamén “concienciar á familia para lograr actitudes saudables de hixiene buco dental, evitar o consumo de doces entre comidas e desenvolver unha actitude preventiva ante posibles accidentes que puidesen afectar á dentadura do neno o nena”

Programa que se ofrece a todos os centros escolares do municipio con educación primaria.

Para a concelleira de Educación, Xuventude e Saúde, “as intervencións de promoción da saúde nos centros docentes son eficaces na transmisión de coñecementos, desenvolvemento de habilidades e apoio na adopción de eleccións positivas para a saúde, e por tanto, contribuír na diminución das desigualdades en saúde da poboación”

Estas intervencións inclúen a actuación de profesionais sanitarios nos centros docentes coa realización das revisións orais e como apoio da labor do profesorado na educación para a saúde.

Desde a concellería se ofrece o programa de saúde buco dental a todos os centros escolares do municipio con aulas de educación primaria onde informarase mediante circular, aos pais e nais dos alumnos e alumnas realización do programa de saúde buco dental acompañado dun consentimento para que o seu fillo/filla forme parte do mesmo. Ao longo do curso fixarase unha data para dar unha charla ás familias en materia de saúde buco dental, consellos e coidados para unha boa saúde desde a infancia.

Desenvolvemento do Programa

Os escolares de Sada recibirán na primeira parte do programa unha charla educativa sobre a saúde buco dental - Anatomía da boca - Función dos dentes e moas - Utensilios da hixiene oral, cepillo e pasta - Recoñecer os profesionais que tratan a saúde oral - A carie e as enfermidades das encías - Recoñecer alimentos beneficiosos e prexudiciais para a saúde - Debuxo sobre a charla

Seguidamente na segunda parte recibirán a visita de odontólogos que explicarán a técnica de cepillado, a realización nos baños de técnica de cepillado con uso de reveladores de placa e farán unha exploración dental

A avaliación, basearase na asimilación da información de educación para a saúde e na adquisición de hábitos saudables no primeiro curso de posta en marcha do programa de saúde bucodental. Nos alumnos de 1º primaria avaliaranse os índices de caries en cursos posteriores.

Arquivado en:
Novas. Educación, xuventude e saúde.

Temas:
Formación. Saúde. Educación.

Perfís:
Veciños. Xuventude.

AXENDA