Benito Portela anuncia que a PXOM mellorará a accesibilidade e seguridade da contorna do centro de ASPACE

15/03/2016

Benito Portela anuncia que a PXOM mellorará a accesibilidade e seguridade da contorna do centro de ASPACE

A conselleira de Medio Rural, Angeles Vázquez, visitou onte as instalacións de Aspace en Sada onde estivo acompañada do alcalde de Sada, Benito Portela, o portavoz do Partido Popular en Sada e responsables desta entidade que atende a persoas con parálise cerebral.

Na visita aproveitaron para solicitarlle a ela e ao alcalde sadense Benito Portela a mellora de "a accesibilidade e a seguridade nas vías da contorna", na área de Casteliño, xa que agora existe unha maior intensidade de tráfico pola vía ártabra.


Portela anunciou onte aos responsables de ASPACE que coa aprobación da PXOM solucionarase tanto a accesibilidade como a seguridade na zona ao contar cun plan parcial que no seu desenvolvemento desconxestionará o tráfico rodado da zona onde se sitúan as instalacións do centro e dotará de servizos aos viarios existentes.

Anxos Vázquez afirmou que estudarán esta demanda que a asociación asegura que apoia tamén os veciños da contorna e que incluiría ampliar as vías de acceso, darlles máis anchura, ademais de construír beirarrúas para que visitantes ou familiares poidan acudir andando con seguridade.

As instalacións de Aspace (asociación fundada en 1997 por pais de persoas con parálises) contan cunha área educativa con aulas e sala comedor, así como unha zona específica para maiores de 18 anos; unha área asistencial con sala de enfermaría, sala sensorial e atención personalizada en logopedia e psicopedagoxía; así como áreas de novas tecnoloxías e fisioterapia; ademais dunha área de organización con sala de profesores e despachos.

A conselleira destacou a importancia de dotar ao medio rural galego con servizos asistenciais que cubran as demandas de diferentes colectivos e destacou o papel do programa Leader neste obxectivo ademais do dos Grupos de Desenvolvemento Rural.

Arquivado en:
Alcaldía. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Urbanismo e emprego.

Temas:
Benestar Social. Urbanismo. Mobilidade. Obras e servizos.

Perfís:
Veciños. Maiores. Dependencia.

AXENDA