Bando da alcaldía - Accións preventivas por risco de seca

16/11/2017

Bando da alcaldía - Accións preventivas por risco de seca

Bando municipal Accións preventivas por risco de seca

Veciñas e veciños de Sada

Os concellos da área metropolitana da Coruña, actuando en común para maior eficacia da nosa acción, decidimos aplicar unha serie de medidas ante a situación de seca que se prolonga desde hai meses e que, en caso de non remediarse cun réxime suficiente de choiva na próxima estación, ameaza con levarnos a un escenario difícil de cara ao subministro para todas as necesidades da poboación.

As medidas inmediatas que tomaremos a partir de hoxe serán:

  • Restrición do consumo en fontes ornamentais e elementos similares.
  • Eliminación do baldeo de rúas para a súa limpeza.
  • Redución dos regos públicos e privados, xa que a actual situación de humidade ambiental permite racionalizalos.
  • Control de consumos en edificios e instalacións municipais.
  • Control das perdas da rede de abastecemento, para detectalas e minimizalas.

É necesario tomar conciencia da importancia de levar a cabo medidas de aforro no consumo da auga, evitando o malgasto e minimizando os usos prescindibles. Por iso, como alcalde, solicito a colaboración dos veciños e as veciñas, das institucións públicas e mais das privadas e das empresas con sede no concello, para que se tomen as precaucións necesarias para evitar o gasto innecesario de auga.

Confiamos en regresar á normalidade o antes posible, se o réxime de choivas do resto do outono e do inverno recuperan niveis aceptables, pero temos que estar en disposición de afrontar a prolongación deste estado excepcional das cousas en caso necesario. Precisamos a axuda dos nosos veciños e das nosas veciñas para conseguir un consumo responsable que axude a manter as reservas o máximo tempo posible se chegásemos á peor situación que podemos imaxinar.

Seguirei informando da situación e das medidas que sexa necesario tomar. Conto coa colaboración de todas e todos. 

Sada, 16 de novembro 2017.

O alcalde de Sada - Oscar Benito Portela Fernández

Arquivado en:
Carnoedo. Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Meirás. Administración local, obras e servizos. Mosteirón. Avisos. Urbanismo e emprego. Osedo. Sada. Soñeiro. Veigue.

Temas:
Economía. Urbanismo. Medio ambente. Participación cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA