ArteSada celebrará unha nova edición con demostracións e máis dunha ducia de talleres didácticos

05/10/2017

ArteSada celebrará unha nova edición con demostracións e máis dunha ducia de talleres didácticos

A Feira de Oficios Artesáns inaugúrase mañá e abrirá todo o fin de semana na praza Irmáns Suárez Picallo 


Sada 5 outubro 2017.

Sada mantén a súa aposta polo dinamismo como reclamo comercial e de lecer cunha nova cita na contorna da praza dos Irmáns Suárez Picallo. Só unha semana despois da CerveFeira 2017. Nas últimas horas, a Concellaría de Promoción Económica e Turismo deu a coñecer o programa da terceira edición da Feira de Oficios Artesáns de Sada, ArteSada 2017. 

A mostra, á que acudirán representantes dunha quincena de oficios, completarase con máis demostracións e talleres en vivo de máis dunha ducia de disciplinas, e tanto o sábado como o domingo, actividades para nenos desde as 12.00 ata as 21.00. 

Da mesma maneira que na convocatoria do ano pasado, a organización apostou polos talleres ata conseguir que non quede nin un minuto sen actividade no espazo acondicionado para o II Feira de Oficios ArteSada na Irmáns Suárez Picallo. 

As primeiras demostracións comezarán ás 17.00 horas de mañá. Desde cantaría, ebanistería, cardado e fiado de la e téxtil ata artesanía con cravos e miyuki (abelorios), pasando por ourivaría en prata, elaboración de marmeladas e carpintaría de ribeira, que seprolongarán ata as 21.00. 

Ademais, desde as 18.30 desenvolverase un taller de construción naval para os nenos, da man da Asociación Os Patexeiros, con ampla traxectoria no municipio sadense, que tamén estarán o sábado e o domingo ás 12.30 e ás 18.00. 

Liss Suárez Becerra, concelleiro de Promoción Económia sinala que "reforzase a aposta polos artesáns sadenses e das Mariñas para proxectalos a maiores ámbitos".

Segundo o concelleiro a Feira "conta cunha vocación de atraer a públicos de todo o País interesados polo mundo dos Oficios Artesáns e tamén por dar a coñecer artes milenarias ao público en xeral".

Este ano existe máis espazo para a mostra "teremos máis interactividade nunha ubicación para a que contamos coa colaboración de Viveros Brandariz na súa decoración, a quen lle agradecemos o esforzo,xenerosidade e gusto amosados", declara Suárez Becerra.

Repostaría 

Un taller de repostaría enfocado á creación de tartaletas doces e salgadas usando só materia prima de tempada, a cargo do panadeiro e pasteleiro dun coñecido establecemento sadense, ademais de nutricoach, Carlos Rodríguez pechará, ás 19.00 horas, a axenda deseñada para o venres. As inscricións para asistir a esta sesión, totalmente gratuítas pero con prazas limitadas, poden realizarse tanto en talleresdereposteriasin@outlook.com ou en turismo@sada.gal, a dirección de correo electrónico de Turismo de Sada 

"Galiza palilla", unha demostración de palilleiras das Mariñas, estarán na Suárez Picallo o tres días de ArteSada. Mañá, desde as 17.00, e o sábado e o domingo, de 12.00 a 21.00. 

O obxectivo do programa deste ano pasa por asentar a cita no calendario otoñal, especialmente dinámico nos últimos anos, e continuar con novidades en próximas edicións, con mesmo máis talleres que en 2017.

Arquivado en:
Novas. Promoción económica, turismo e medio ambiente.

Temas:
Economía. Turismo. Participación cidadá.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores. Turistas.

AXENDA