A Xunta de Goberno Local adxudica a obra de renovación integral de Cantalarrana por 432.000 euros.

15/06/2018

A Xunta de Goberno Local adxudica a obra de renovación integral de Cantalarrana por 432.000 euros.

-A actuación inclúe a substitución das redes de auga, saneamento e pluviais e reurbanización das rúas Cambre, Culleredo, Abegondo e Avenida da Coruña na zona das Brañas en Sada.


Sada 14 xuño 2018.

O pasado martes a Xunta de Goberno Local adxudicou o contrato da obra de “Substitución das redes de saneamento, auga e de pluviais e reurbanización das rúas Cambre, Culleredo, Abegondo e Avda. da Coruña, na zona das Brañas-Sada” á empresa Construcciones Ponciano Nieto por un importe de 432.036,56 € e designou como técnico director das obras ao Enxeñeiro Técnico Municipal e coordinador de seguridade e saúde durante a execución da obra á empresa a APPLUS Norcontrol

A zona cero das inundacións de Sada, no barrio de Cantalarrana, será levantada próximamente para realizar unha renovación integral para “por en valor todo o contorno do barrio, arranxar as tres rúas que están degradadas e facer un espazo de transición á natureza", explica o alcalde de sada, Benito Portela, aludindo á proximidade á zona verde das Brañas das rúas Cambre, Culleredo e Abegondo, as tres máis prexudicadas polas inundacións do pasado 30 de marzo do 2016 e lugar de reiterados problemas durante anos debido a desbordamentos de saneamento e pluviais.

Xunto a estas tres vías, que serán totalmente renovadas e tamén as súas canalizacións de abastecemento, saneamento e pluviais, abordarase a renovación da Avenida dá Coruña, onde se prevé mellorar a recollida de pluviais.

Con esta actuación búscase solucionar os problemas que se dan de maneira redundante en Cantalarrana cando chove e a canalización actual non é capaz de desaguar todo o que chega. Así mesmo, Portela entende que estas actuacións repercutirán, ao incluír un separativo de pluviais e residuais na rúa Culleredo, do que carece actualmente, na calidade da auga que chega á praia das Delicias como xa sucedeu cando se realizou o bypass efectuado na rúa Venezuela o pasado ano. 

A envergadura desta obra, que aproveitará ademais para soterrar o cableado, percíbese nun investimento que alcanza os 432.000 euros, dos que 150.000 serán asumidos pola Deputación Provincial e o resto sairá do remanente de tesorería do Concello de Sada. O pleno respaldou este proxecto o pasado mes de xullo cos votos en contra do Partido Popular. 

"Queremos recuperar unha zona degradada e integrala no contorno, eu non me lembro dun investimento en Cantalarrana desde principios de século, cando se reformou a rúa Cambre", recoñece o alcalde.


Arquivado en:
Alcaldía. Novas. Facenda, participación cidadá, transparencia, normalización lingüística e seguridade cidadá. Administración local, obras e servizos. Urbanismo e emprego. Sada.

Temas:
Subvencións e axudas. Urbanismo. Vivenda. Mobilidade. Medio ambente.

Perfís:
Veciños. Xuventude. Maiores.

AXENDA