Concello de Sada


© 2007, Concello de Sada. Avenida da Mariña, 25. Tel.: 981 620 075


Imprimir Enviar

Un Magosto con tres días de actividades para tódolos públicos

Tradición e novas propostas no Magosto 2009 de Sada

O Concello de Sada montará unha carpa para albergar o Magosto 2009. Estará situada a carón da Praza dos Irmáns Suárez Picallo, e acollerá diferentes propostas de ocio durante a vindeira fin de semana.

26 de outubro de 2009 Un magosto de acción:
O primeiro día, venres 6 de novembro,acollerá as propostas máis activas.
• A tarde comezará con torneos de Futbolín e de Ping Pong, abertos a públicos de tódalas idades.
As inscricións poderán facerse por teléfono, cunha chamada ó 627 47 47 09, ou ben acudindo á Oficina da Xuventude de Sada, en horario de 10:00h. a 15:00h. pola mañá, e de 16:30h. a 18:30h. pola tarde.

Os participantes nos torneos, que teñen previsto o seu comezo para as 16:00h. do venres 6 de novembro, poderán levarse o trofeo desta primeira edición, así como acceder a pequenos agasallos, como sudadeiras do Depor cedidas pola "Peña Deportivista Ribera", así como detalles cedidos por Coca-Cola.
A entrega de trofeos farase a partires das 20:00h.

• Os torneos deportivos darán paso ó nacemento dun novo festival: será ás 20:00h. cando as guitarras darán vida ó "Zoncho´Rock".
Será un festival onde actuarán grupos e artistas como Doctor Snob, París Joel, Eotem e Ruta 77 entre outros. O público asistente poderá atopar, ademáis, refrescos e cervexa, así como as castañas asadas, típicas destas datas.

• O sábado 7 de novembro comeza con actividades un pouco máis suaves, orientadas especialmente cara un público de idade avanzada. A Concellaría de Deportes, dentro do seu programa "6 meses 6 metas", anima a participar nunha sesión de Tai Chi ás 11:00h., unha sesión de baile ás 12:00h. e un achegamento ós deportes tradicionais ás 13:00h.
Tódalas actividades son de participación aberta, sen inscrición nin tasa de ningún tipo, e o punto de encontro será, unha vez máis, a carpa do magosto.

Un magosto de tradición:
O magosto é unha festa de marcado carácter tradicional, e por iso as tradicións terán un lugar central dentro desta celebración no Concello de Sada.

• Ás 17:00h. do sábado, os máis pequenos poderán achegarse á carpa do magosto para participar na "Festa infantil dos Zonchos". Será un concurso de colares feitos con castañas cocidas, que virá acompañado dunha proposta de xogos para os nenos e nenas que queiran participar. Ó finalizar, como manda a tradición, tentaremos ofrecer as castañas dos Zonchos a toda a xente coa que nos atopemos, xa que, como di a tradición, cada castaña comida é unha almiña que se salva, e cada persoa non pode comer as castañas dos seus propios Zonchos.

• A tradición continuará ás 20:00h. coa II edición da Foliada de Sada: unha festa folclórica á antiga usanza, con libertade para subir a tocar ó escenario, xuntarse músicos de grupos distintos, improvisar e desfrutar en torno á música tradicional. Esta edición trae como novidade un concurso de baile con premios económicos para os/as mellores bailaríns. Un xurado será o encargado de nomear ós merecedores dos premios, que serán de 150€ para os primeiros clasificados.
Os que queiran participar tocando ou bailando poderán facelo contactando coa Asociación Queiroa, os verdadeiros "alma mater" da Foliada de Sada. Tamén se poderá facelo chamando ó teléfono 636 692 800.

Castañas asadas, chourizos e "bolos preñados", refrescos e viño... servirán para repoñer as forzas dos que se acheguen á carpa a festexar o magosto. Así poderemos aguantar ata a medianoite, momento en que outra tradición subirá ó escenario da carpa:
Unha queimada popular purificará as almas da xente alí congregada, e servirá para manter vivo o espírito da festa ata ben entrada a madrugada.

Un magosto con moita arte:
O domingo 8 porase o peche a estas Festas do Magosto do Concello de Sada. A compañía "Teatro Artesán" presentará un espectáculo que combinará música en directo, títeres e comedia. Unha proposta que convertirá a carpa do magosto nun improvisado teatro ó aire libre, con sillas para unhas 300 persoas.

A partires das 17:00h., a xente que se achegue pola carpa poderá desfrutar dun espectáculo de monicreques, e apreciar a emoción e o sentimento da música en directo a cargo de Álvaro Muras.
Pechando este "festival artístico", Teatro Artesán presentará a "Farsa e xusticia do correxidor", unha comedia coa que pretenden arrincar sorrisos e deixar un bo sabor de boca nesta festa do outono.